O autor recibe hoxe o Premio de Poesía Caixanova por «Deserto diamantino»
09 sep 2010 . Actualizado a las 02:38 h.Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945) naceu e creceu baixo a influencia de linguas diversas, pero foi o galego o que o cativou como vehículo de expresión lírica. Fillo de pais cataláns e de avó paterno galego, a súa infancia discorreu en Ribadeo e a súa adolescencia en Segovia. O poeta, tradutor e ensaísta reside en Vigo desde 1977, pero tras a súa xubilación como profesor viviu longas tempadas en Salvador de Bahía (Brasil), aínda que hai xa tempo que retornou e hoxe estará recollendo no pazo de San Roque o Premio de Poesía Caixanova que convocan a entidade financeira e o Pen Clube Galicia, pola súa obra Deserto diamantino . O fallo dérase a coñecer en decembro pero a entrega coincide coa saída do prelo da obra, dentro da colección Arte de Trobar .
-¿Fixo a obra pensando no premio?
-Non. En absoluto. Foi un libro que empecei a escribir en Salvador de Bahía. Está dividido en cinco partes, as tres primeiras escribinas alí e o resto aquí.
-O galardón está dotado con 12.000 euros. A poesía está necesitada de axuda máis que outras artes, ¿non?
-Evidentemente. A poesía é unha pobriña que precisa apoio financeiro e tamén social.
-O feito de estar alí, de mudar a bruma pola luz, ¿cambiou en algo a súa forma de ver as cousas?
-Si. A poesía parte precisamente diso, da sorpresa, dos contrastes. O poeta necesita vivir novas experiencias e para min foi moi importante. Sentinme moi vital, cegado pola cor e pola luz, e pola calor da xente tamén.
-¿E trasladouno á escrita?
-Penso que tematicamente non, pero espero que se sinta dalgunha maneira a enerxía expresiva.
-«Deserto diamantino» fai referencia a algún lugar xeográfico ou é un espazo mental?
-No estado de Bahía hai unha zona moi interesante que se chama Chapada Diamantina, que é unha chaira na que se extraían diamantes. Máis ao norte hai unha zona completamente diferente, o Sertão, despoboada, moi seca. Eu comparei ambas rexións e estas cousas teñen unha dimensión simbólica. A vida consiste nunha desertización de riquezas que se perden co tempo, se gastan. Maniféstanse na creación, xa que o poeta vai perdendo a voz orixinal; no amor que se vai desgastando e secando; na idade... en fin, todo este mundo que un poboa ao longo da vida vaise perdendo. Por iso a primeira parte chameina regalía, o principio.
-Vostede apostou pola rima...
-Penso que aí si foi determinante Brasil. Empecei a ler poesía contemporánea de alí chamoume a atención como os autores brasileiros seguen abraiados pola rima. A súa vangarda tamén foi moi importante, pero hai una especie de cansazo e unha volta a unha poesía máis clásica, simbolista, parnasiana. Eu intento expresar estas cousas dunha maneira clásica, porque dáme a impresión de que así o diamante é máis diamante.
-¿É un escritor metódico?
-Coa poesía non, porque a poesía parte dunha predisposición que non sempre aparece. Para min é un misterio. Pero coa tradución si son metódico.
-Este ano publicou o ensaio «Bos tempos para a lírica» no que fala da xeración poética dos 80 á que pertence. ¿Como ve a de hoxe en día?
-Os tempos teñen unha sensibilidade diferente e non teño a perspectiva suficiente para enxuizar esta época.