A profesora universitaria publicou o primeiro catálogo de relatos orais
30 ago 2010 . Actualizado a las 10:16 h.A profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Camiño Noia, reuniu e clasificou preto de seiscentos contos no libro Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral: clasificación, antoloxía e bibliografía . Trátase da primeira aproximación científica a esta forma de expresividade oral, co obxectivo de integrala no catálogo internacional de contos.
-¿Que novidades achega neste catálogo tipolóxico?
-Anteriormente fixen unha antoloxía de contos recollidos directamente dos informantes por alumnos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. O Catálogo tipolóxico vén ser unha ampla antoloxía de todos os tipos de contos tradicionais que recollín en lingua galega, na oralidade, en antoloxías, en revistas... No catálogo, que segue a metodoloxía do catálogo universal, feito na Escola de Folclore de Helsinki, danse as referencias de todas as versións recollidas nos diferentes lugares da área lingüística do galego. Trátase dun índice no que se rexistran os contos da nosa tradición galega, como teñen outros países.
-¿Está en perigo o conto na tradición oral?
-Está morrendo. A tradición, que está inserida no mundo rural, comezou a romperse na década dos setenta, por diversos motivos. As persoas maiores que recibiran os contos dos seus devanceiros non tiñan a quen contárllelos, e moitos esquecéronos. Cando fixen a antoloxía no ano 2002 tiñamos problemas para que a xente nos contase contos. Dicían que non se acordaban ou que iso non valía para nada. Na actualidade, coa perda da lingua galega e o menosprezo da nosa cultura, perderémola.
-¿Que representa o conto para unha cultura?
-Os contos, como as cantigas, forman parte do mundo imaxinario creado pola fantasía e as habelencias dun pobo, son parte do imaxinario das xeracións que se fixeron coa influencia dese pobo e do que hoxe somos nós, no global e no local. Un patrimonio que nos remite ao mundo rural dos nosos devanceiros que aínda nos pode fornecer da sabedoría que encerra, e que debería levarnos a compartir sentimentos, afectos e modos de vida comúns. O conto de transmisión oral é un instrumento fundamental na transmisións dos valores e contravalores que rexen nunha sociedade.
-¿Ten singularidades propias o conto galego?
-Algunha, mais a maioría son comúns cos do resto do mundo. Por exemplo, son menos misóxinos que os doutros países porque foron as mulleres quen controlaron a tradición oral. Contos en que o malo, noutros sitios, era a muller, aquí o son os homes. As mulleres, que maioritariamente eran as contadoras, ao contar o conto facían unha especie de censura, como a discriminación positiva de hoxe en día.
-¿Son transgresores?
-A tradición oral é moi transgresora. Todos os estamentos de cando se formou a tradición, é dicir, os poderes terreais, saen mal parados. Os contos falan do mal comportamento destas persoas.
-¿O Centro de Folclorística Internacional de Helsinki é o arquivo central do conto no mundo?
-Si, o que tratamos agora é de publicar o catálogo en inglés porque quedaría recollido alí e cando se faga a revisión do catálogo internacional os contos nosos quedarán incluídos. No actual, aparecen os cataláns e os portugueses porque xa o fixeron antes.