A exposición «Compostela e Europa», que xa estivo en París e Roma, incide nos valores europeístas do Camiño
26 ago 2010 . Actualizado a las 02:59 h.A Sala Tullas e a Fernando de Casas do mosteiro de San Martiño Pinario acollen desde onte a exposición Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez , unha mostra do Xacobeo 2010 conformada por un conxunto de pezas que permite facer un percorrido pola traxectoria vital de Diego Xelmírez, arcebispo de Santiago, e polas súas viaxes a Roma a través das vías de peregrinación francesas do século XII.
Tras a súa exposición no Musée des Monuments Français de París -desde o 16 de marzo ao 16 de maio-, e o Braccio de Carlomagno da Cidade do Vaticano -entre o 1 de xuño e o 1 de agosto-, a mostra chega á capital de Galicia. Aquí permanecerá exposta ata o 15 de outubro, pero cunha maior amplitude, con dous novos artigos engadidos ao total de pezas e obras expostas nas montaxes de París e Roma: o altar do abade Bégon II e o terceiro tomo da Historia da Santa A. M. Igrexa de Santiago de Compostela .
No acto de inauguración, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, definiu a exposición como «a principal proposta de carácter histórico e divulgativo do fenómeno das peregrinacións» programada polo Xacobeo 2010. Unha mostra, segundo o conselleiro, que «recolle, escolma e presenta o enorme traballo episcopal de Xelmírez a favor da memoria de Santiago o Maior, fillo do Zebedeo». Enmarcada no Camiño da Historia do Xacobeo 2010, a exposición, en palabras de Roberto Varela, acada «un carácter e unha dimensión internacional» e incide «nos valores europeístas que se atopan na historia do Camiño de Santiago». A inauguración contou tamén coa presenza do arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, e o comisario da mostra, Manuel Castiñeiras.
O titular de Cultura lembrou ao abeiro da exposición que «a cultura xacobea é un factor que promove a inclusión, un espazo para o respecto á diversidade cultural e para a constitución de valores». Na súa intervención, o conselleiro asegurou que Diego Xelmírez «fica na memoria colectiva de Galicia asociado a Santiago, mais os efectos do traballo deste home chegan, sen dúbida, aos nosos días, e afectan ao conxunto do noso país». Do mesmo xeito, a exposición, sinalou o conselleiro, «conmemora o primeiro momento de gran auxe peregrino, de congregación humana en torno ao Apóstolo, de promoción de valores cristiáns e universais, e de creación da idea de Europa, un período básico para a nosa historia».
Pezas de gran valor
A mostra atópase dividida en seccións que conforman un completo percorrido pola historia de Diego Xelmírez, desde os seus primeiros anos ata a súa permanencia no legado da historia de Galicia. Entre as pezas destacan as novidades mencionadas: o altar do abade Bégon II e o terceiro tomo da Historia da Santa A. M. Igrexa de Santiago de Compostela , de Antonio López Ferreiro, escrita por encargo do cabildo compostelán. A primeira é unha obra procedente do tesouro da abadía de Santa Fe de Conques (Francia). Trátase dun pequeno obxecto macizo, que na súa parte superior é unha placa de pórfido vermello enmarcada por follas de prata con decoración figurativa nos seus laterais.
As dúas primeiras partes da exposición, denominadas Iria, a terra dos seus pais e Galicia trema con Diego Peláez , supoñen unha introdución aos tempos nos que viviu Diego Xelmírez e que narran a situación política e artística antes da chegada do prelado á sede compostelá, amosándose dous históricos baleirados en xeso dos capiteis fundacionais da catedral románica de Compostela, restaurados para a exposición pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo.
Un novo apartado que incorporou a mostra en Roma é a sección Xelmírez, os camiños franceses e Cluny , onde se narra o percorrido de Xelmírez a través dos camiños de peregrinación franceses e a fluída relación entre os obradoiros artísticos de Compostela e os grandes centros de produción do románico francés. Este apartado recolle pezas de París, Toulouse, Conques e Selesat. Entre elas sobresaen o capitel con esfinxes do claustro de Santa Fe de Conques, o capitel de David e os seus músicos do mesmo claustro e o Liber Miraculorum Sanctae Fidis de Selestat. No último apartado da mostra, que leva como título A memoria escrita dun xenio , engadíronse en Roma varias pezas aos códices e libros xa expostos en París. Desde xeito, amósase unha copia do Códice Calixtino, producido no scriptorium da catedral de Santiago no século XV, e o manuscrito máis antigo da historia compostelá.