A Quenlla presenta un disco con textos de Manuel María inspirados na revolta dos Irmandiños

La Voz VILALBA/LA VOZ.

CULTURA

09 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Manuel María volve soar. A obra do poeta chairego aparece de novo ao dispor do público cunha unión de literatura e música que xa se ten dado con outros traballos seus. Desta vez trátase dun cedé gravado polo grupo A Quenlla, que empregou textos do escritor de Outeiro de Rei inspirados nos Irmandiños. Ese é precisamente o título do traballo discográfico, Os Irmandiños , que o grupo presentou onte, á unha tarde, no festival de Pardiñas, que celebrouse durante todo o fin de semana en Guitiriz.

A obra literaria á que se lle vén de poñer música consiste nun conxunto duns dez poemas. Manuel María escribiunos hai xa algunhas décadas, pero ata o de agora non chegaran ao público de xeito independente. Como coordinador da Asociación Cultural Xermolos, que organiza o festival onde se presenta a obra, e da Irmandade Manuel María, Alfonso Blanco engade que os textos si apareceran canda outros do autor co título Unha vez houbo un trebón .

A viaxe no tempo ata chegar case ao remate da Idade Media débese ao interese do poeta por atopar personaxes e acontecementos «que fosen significativos» para xeracións posteriores. Así o subliña Blanco, que di que o contido semella o resultado dun esforzo por «facer pobo» e que a escrita, aínda que trate dun asunto afastado no tempo, non resultará estraña aos lectores habituais do poeta.

Os poemas, por outra banda, semellan ter aínda outros camiños para percorrer. Blanco salienta que se trata de textos que serven ben para ser dialogados, ata o punto de que se ten feito algunha xestión para que seren representados máis adiante con fondo musical.

Solicitude cumprida

O lugar onde se fixo a presentación non se escolleu de maneira casual senón que tivo moito que ver co autor e coa obra. En primeiro lugar, Manuel María adoitaba acudir ao festival de Pardiñas.

En segundo, foi nese lugar onde, hai xa anos, propuxo ao grupo que lle puxese música a esas palabras súas. Na presentación, canda os músicos estiveron os escritores David Otero, Marica Campo e Xosé Neira Vilas, o cantautor Miro Casabella e o historiador e profesor Xosé Estévez.