«Nos 20 anos que levo como editor non recordo ningún tan complicado a nivel de librerías», lembra Manuel Bragado, citando exemplos como o recente peche en Pontevedra da librería Michelena, «en varios sitios, como Santiago, tamén houbo problemas, máis ou menos xa resoltos». O presidente dos 45 editores galegos que constitúen a asociación asegura que a próxima campaña escolar «vai reactivar as librarías cos libros de texto». Despois de facer uns cálculos estimativos sobre o custo de cada libro, uns 20 euros, e a cantidade de alumnos en primaria e secundaria que hai en Galicia, apunta que os libros de texto poderán mover no vindeiro curso uns oito millóns de euros.
Fernández Maira, coordinador da Federación de Libreiros de Galicia, apunta: «Pode ser esa cantidade, porque lembro que hai uns anos falábase de trece millóns de euros, pero iso baixou moito». De todos os xeitos, Maira asegura que este ano as transaccións nos libros de texto serán moi semellantes ás do curso pasado, «cando variarán será o ano que vén porque remata o prazo dos catro anos da gratuidade dalgúns libros», .
Aínda así, a maioría dos libros de texto non serán editados en Galicia, apuntan, co que a mellora nos ingresos polas vendas tampouco recaerá neste sector.