An Alfaya: «Será excitante enganchar ao lector do xornal dun día para outro»

Toni Silva *+A CORUÑA/LA VOZ.

CULTURA

Loada por Méndez Ferrín, a gañadora do Premio de Novela por Entregas confía en recibir o recoñecemento do público coa súa obra «Vía secundaria»

22 jul 2010 . Actualizado a las 02:58 h.

A traxectoria de An Alfaya non é precisamente breve. Coñecida sobre todo polos seus libros de literatura infantil e xuvenil, Alfaya (Vigo, 1964) acaba de conquistar o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, certame que alcanza a súa décima edición. Vía secundaria (o lema presentado ao concurso foi o de Vidas cruzadas) é o título da novela que será reproducida por este xornal en 31 capítulos durante os 31 días de agosto. Os lectores poderán achegarse así a unha historia coral tecida por perdedores do noso tempo, vítimas da soidade e da incomunicación. O xurado do premio destacou especialmente o remate de cada fragmento, «que sen dúbida atrapará ao lector».

?Escolleu o lema de «Vidas cruzadas» para se presentar ao premio, pero a novela titúlase «Vía secundaria».

?Escollín ese título porque é secundaria a vía onde ocorre o accidente do que arranca a trama e tamén é secundaria a vida dos protagonistas. É unha novela coral, non dun só personaxe. Cada un deles vai contando as peripecias da súa vida interior.

?E o de escribir para unha novela por entregas non é algo novo para vostede.

?Non, de feito xa quedara finalista con Matei un home o ano que gañou Perozo este premio de La Voz. Logo presenteina a outro certame e levei o Premio Xulián Magariños de Negreira, polo centenario do seu nacemento.

?¿Cómo é o proceso de creación co corsé dunhas medidas case exactas en cada capítulo?

?Eu paseino moi ben porque é un exercicio de contención o de escribir milimetrado. Os xornalistas estades acostumados a ter eses límites de espazo, pero para nós a páxina é grandísima, ten os límites que nós lle queiramos poñer. O de ir pulindo é algo traballoso pero xa lle teño tomada a medida. O importante é o peche do capítulo, que enganche para que se continúe a lectura ao día seguinte.

?Ese foi precisamente un dos aspectos que máis destacou o xurado. ¿Cánto tempo requiriu para compoñer «Vía secundaria»?

?Pois uns escasos quince días. O tempo da convocatoria non foi moi folgado e tiven que apurar un chisco.

?Xa acumula unha chea de premios. ¿Cómo valora este en relación cos que xa ten na súa vitrina?

?Nunca valoro os premios en si. O obxectivo para min é darlle visibilidade a algún texto que se non ten galardón detrás pasaría sen pena nin gloria. E incluso aínda que se publique nace case morto. Cada premio non ten nin maior nin menor importancia, cada un ten o seu valor. O que si ten este de especial é que me porá en contacto directo cun lector especial, o do xornal, que afronta un texto literario cunha predisposición diferente. Será excitante enganchar ao lector do xornal dun día para outro, que teña a necesidade de esperar un día para dar continuidade á lectura dunha historia coa que pode quedar enganchado. Ese lector está en contacto coas novas e de súpeto asoma un texto literario.

?O presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín, desfíxose en loas a vostede. «Crin en An Alfaya dende o día que publicou a primeira liña». ¿Orgullosa?

?A relación que teño con Ferrín é ningunha. O feito de que dixese palabras tan agarimosas pois, en fin..., non é para ter vaidade, pero gustoume ouvir iso.

?Pois semellaba que xa tiveran tomado café xuntos.

?Non, para nada, na vida me sentara con el.

?Volvendo á novela gañadora; «Vía secundaria» é unha historia de perdedores.

?Si, como case todas as historias de An Alfaya. Son os temas que sempre asoman nos meus libros, a soidade, a incomunicación, a psicoloxía dos personaxes... Incluso na literatura infantil e xuvenil reflicto esas cuestións, aínda que, como é obvio, con outro xeito de contar. Son temas que me interesan, ao final sempre aparece a parte escura da sociedade, a soidade das persoas rodeadas de xente. Teño un texto xuvenil que se titula Illa soidade, no que sempre se repite o asunto do illamento.

?¿E a literatura de Alfaya tamén se pode catalogar de «urbana»?

?Non necesariamente. Ás veces fuxo da cidade e, aínda que a novela naza na urbe, os personaxes foxen ao campo. Urbana urbana non son á hora de escribir. Temos como exemplo o texto Folerpas, ubicado no campo. Pero si é certo que nas derradeiras obras as miñas personaxes acentúan a súa presenza na cidade.

?Unha historia de perdedores, nun ambiente frío, presenza de chuvia... ¿Non teme un contraste físico-mental co lector do mes de agosto, presuntamente situado nun ambiente caloroso?

?Terá que aclimatarse. Tamén pode pasar a páxina. Pero penso que se o que se conta está ben contado ao final acabará atrapando ao lector. Se o día anterior che gustou o que liches, é probable que busques máis nos exemplares dos días seguintes. Cada capítulo son cinco ou sete minutos de lectura. Ademais, no verán se poden vivir todos os estados anímicos, se pode sufrir ou se pode ser feliz no mes de agosto.

?Un accidente de tráfico como detonante na súa novela.

?É o que activa as consecuencias posteriores, é o feito que marca cómo vai repercutir a todos os personaxes. Sen ese accidente de tráfico non habería historia, ten unha repercusión en todos eles.

?¿A historia era algo latente no seu imaxinario?

?A historia desta novela nacera o ano pasado, xa pensando na novela por entregas. Tiña unha idea vaga, pero non pensara nos personaxes, sabía máis ou menos o punto de partida, pero pouco máis. Logo xurdiron outras historias, outros traballos e Vía secundaria quedou estacionada. Pero se pode dicir que esta historia naceu no 2009.

?O xurado eloxiou a súa prosa elaborada. ¿Non hai unha especial dificultade para conseguir ese nivel redaccional nun espazo tan acoutado?

?Non sei escribir doutra maneira. O feito de escribir por entregas invita a pensar que hai que rebaixar o ton literario, pero eu penso que non ten que ser así. O que ten que referendar é unha base literaria sólida. O argumento pode atrapar ao lector, ao mellor o conseguía, pero sempre pensaría que podería mellorar os arames da novela. A forma é tan importante como o fondo. Por iso haberá un exercicio previo de pulimento antes da publicación. Pequenos detalles, algunha frase mellorada.