Mil persoas reivindicaron cun cortexo a figura de Rosalía

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

16 jul 2010 . Actualizado a las 03:24 h.

Mil persoas participaron onte no cortexo cívico e reivindicativo organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro e para que se garanta o acceso público ao Panteón de Galegos Ilustres. Escritores e representantes de 200 entidades e colectivos iniciaron o cortexo a primeiras horas da tarde cunha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, en Padrón, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informou do sentido dos actos da xornada que perseguen a apertura diaria ao público do Panteón de Galegos Ilustres e o reclamo da aconfesionalidade para dito espazo, «público e laico», así como a xestión pública deste.

Tras o acto en Adina, un tren con 250 persoas partiu da estación da Matanza, cerca da casa de Rosalía, cara a Compostela, onde esperaba a comitiva restante, coa banda municipal, encabezada por representantes institucionais. Desde aquí, o cortexo fixo o mesmo recorrido que o 25 de maio de 1891, cando foron trasladados os restos da poetisa, parando en varias prazas, nas que houbo lectura de poemas.

Á entrada de San Domingos de Bonaval, Cesáreo Sánchez leu un comunicado no que aclaraba que non entraban ao Panteón «libremente», senón «despois de [telo] solicitado por escrito ao Arcebispado», e que o anuncio destes actos «franqueou as portas pechadas ata onte, que sempre deberan estar abertas». Cesáreo Sánchez deixou claro que non admitían esta situación «de entrada tutelada pola Igrexa».

Na horta da Casa-Museo da Matanza, en Padrón, celebrouse tamén un acto conmemorativo do 125.º aniversario do pasamento da poetisa galega, no que Helena Villar Janeiro, presidenta da fundación rosaliana, dixo que «necesitamos a Rosalía viva».