pub
Actualizado La Voz, página de inicio
Ir a la Portada

opinión Crítico e profesor titular de Teoría da Literatura da USC Danza portuaria

Autor:
Arturo Casas
Fecha de publicación:

A obra intensa de Lois Pereiro revive na lectura como unha danza portuaria e cinematográfica coa morte. Unha danza na que o poema concedido e o poema adiado son espectros que xiran e foxen da tradición tráxica occidental -Sófocles, Shakespeare, Rimbaud, Celan, Valle-Inclán, Bernhard- e arriban ao escenario dunha guerra recén rematada que na lectura se alcanza a tocar cos dedos. Alí, os campos arrasados e un ballet de estraña piedade entrevisto por alguén que agoniza e semella rir; acolá, a cantina ferroviaria e as cancións de berce, a inocencia; ao fondo, a profanación, a inmersión, a vida estremeira... Un cabaré inmenso (a historia!) entre o Danubio e o Báltico, a danza industrial de mercancía e xuventude, gadañas, febre, violencia e desexo.

A obra breve, a vida breve tamén de Lois Pereiro. Orzán e Pena Moa, o Ruhr e o Mar de Aran, igual que no texto no que mellor o dixo todo. Como adoito neste poeta, entre citas e música acumuladas. «Alerta e vixiante», esa égloga metálica e bukowskiana do xardín de seu. A égloga que pinta Europa como lugar de vida e sabotaxe, pois Europa é en realidade o tema íntegro deste poeta que a amou e a coñeceu nas pintadas suburbiais, nos valses, no resto de discursos.

Ler agora estes libros, o aluvión todo que neles vén con concisión de agullas, é presenciarmos tamén as arquivoltas que preludian toda formulación do suxeito no tempo noso, a construción da subxectividade que explica as coordenadas políticas e morais nas que estamos instalados. Accedemos en efecto a un pórtico expresionista do eu, a unha transfusión caótica de textos e imaxes, a unha inminencia da rebelión, a un desexo de refuxio que explica a aparición nalgún poema igualmente relevante do que foi Chiapas a partir daquel xaneiro de 1994. O eu equiparado a unha gárgola multiplicada a deitar os fluídos e os signos da vida contemporánea.

O autor de Poesía última de amor e enfermidade, o guionista, o letrista Lois Pereiro, configurou ademais desas paisaxes só relativamente íntimas outras que o son das fantasmagorías colectivas e do nós que negociamos cos outros. Fíxoo con lealdade aos grupos cos que converxeu. En particular, en Madrid e A Coruña. E esta ocasión que agora abre a Academia será boa, será óptima, para reler o que foi por exemplo Luzes de Galiza, o que foron outras empresas irmandadas con ela, sobre todo o núcleo que, sen excesiva fortuna onomástica, o poeta e os seus camaradas denominaron De amor e desamor.

Lois Pereiro non foi un lobo estepario pero, como na balada australiana que reinventou Tom Waits, viviu moito tempo na compaña soa do seu fardo. E como nesa canción («Waltzing Matilda»), escoitámolo dicir algo cando foron por el. «Nunca me colleredes vivo».

 

ENVIAR NOTICIA  

opinión Danza portuaria

* Campos obligatorios
Enviar a:
Tus datos:
 

ENVIAR NOTICIA  

Su envío se ha realizado correctamente

En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia

Gracias por usar nuestros servicios

Cerrar

 

ENVIAR NOTICIA  

Se ha producido un error
No se ha podido realizar el envío

Revise sus datos y vuelva a intentarlo

Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.

Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios

Cerrar

LVDG_GOOGLE_ADSENSE:
Cargando
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08A
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08B
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08C
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08D
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08E
Confianza oline. Enlace a más información sobre el certificado © Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A.
Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España)

Inscrita en el Registro Mercantil de A Coruña en el Tomo 2438 del Archivo, Sección General, a los folios 91 y siguientes, hoja C-2141. CIF: A-15000649.