O escritor cangués Bernardino Graña ingresa na Real Academia Galega

J. Santos CANGAS/LA VOZ.

CULTURA

13 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Real Academia Galega celebrou en Cangas a sesión plenaria de ingreso do escritor Bernardino Graña, unha incorporación acordada hai xusto un ano que se formalizou onte nun acto longo e protocolario no que o chamado «poeta do mar» leu o discurso Os contos populares e Rosalía .

Unha vez aberta a sesión polo presidente, Méndez Ferrín, a quen Graña coñeceu «en pantalón curto», segundo di, e lido o acordo polo secretario, Ferrín pediulle aos académicos Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana que foran buscar a Bernardino Graña, quen, seguindo o protocolo, agardaba fóra da sala.

Público en pé

Semiparalizadas a perna e o brazo dereitos por una trombose sufrida hai tres anos, o escritor cangués, nado en 1932, entrou entre aplausos, co público e os académicos en pé, e percorreu o corredor axudándose cun bastón, flanqueado polos que xa son os seus compañeiros, e subiu ao estrado. Intensificáronse entón os aplausos, que o poeta agradeceu coa man no corazón.

Sentouse nunha mesa situada á dereita da presidencia e das cadeiras dos académicos, disposto a comezar o seu discurso.

Referiuse á Academia como unha «lanza de combate» en pro da normalización do galego. A continuación, falou do académico que substitúe, Constantino García, quen faleceu no 2008, antes de ler o seu discurso sobre contos populares.

Lembrou os que lle contaban a súa madriña e a súa avoa na taberna que rexentaban na parroquia canguesa de Darbo, á que acudía de neno.

Un deses contos deu lugar ao libro O león e o paxaro rebelde , editado en 1969. «Ao longo da miña vida tiven moito contacto cos contos populares», dicía nantronte o escritor cando chegaba á súa casa de Cangas dende Culleredo, onde vive desde hai uns anos, xustificando a elección do tema.

Falou despois de Rosalía de Castro, concretamente do seu libro Conto gallego. «Rosalía inspirouse no pobo; é totalmente pobo na súa poesía e na súa narración», afirmou Bernardino Graña. Citou tamén a Shakespeare dicindo que unha das súas grandes obras, O rei Lear, está baseada nun conto tradicional celta.

O filólogo Ramón Lorenzo foi o designado pola Academia para contestar ao novo numerario. Amigo de Graña, lembrou diversas anécdotas compartidas co poeta cangués e falou do seu dilatado labor literario, con máis de trinta libros publicados e case una ducia máis preparada para saír a luz.

Bernardino Graña, que amosou unha «especial satisfacción por formar parte dunha institución centenaria da que foi presidente Manuel Murguía», adianta que «aínda ten algo que dicir» sobre a lingua galega e na defensa do idioma.

O acto rematou cun convite na sala de exposicións do auditorio, ao que puideron asistir boa parte dos máis de catrocentos presentes no acto.