A «Antoloxía da literatura galega» en inglés completarase no 2012

Camilo Franco SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

06 jun 2010 . Actualizado a las 02:09 h.

Arredor de tres mil exemplares da Antoloxía da literatura galega en inglés e galego serán repartidos por todos os centros de estudos galegos do mundo, polas universidades con estudos de Hispánicas ou de Lusofonía, e tamén entre os principais medios de comunicación especializados ou con atención á literatura, así como nas máis destacadas feiras do libro internacionais. Deste xeito preténdese que este libro, editado por Galaxia e Xerais conxuntamente, sirva como tarxeta de presentación da literatura galega.

Este primeiro volume, antologado por Jonathan Dunne, recolle textos dende a época na que apareceron os primeiros en galego ata a década dos oitenta. Na presentación deste primeiro volume que recolle os clásicos, xa se anunciou a continuidade da iniciativa con textos e autores contemporáneos. Un segundo libro, que será preparado ao longo do ano 2011, debería poder ser presentado a mediados do 2012.

Cos dous volumes, como salientaron na presentación tanto o director de Galaxia, Víctor Freixanes, como o de Xerais, Manuel Bragado, estamos ante unha iniciativa que supón a «demostración da vocación da cultura e da literatura galega por darse a coñecer no exterior».

No proxecto, que comezou o tradutor Jonathan Dunne durante a súa estadía en Lugo, participaron un centenar longo de persoas entre escolmantes e tradutores para recompilar os textos que se poden considerar esenciais para achegarse nun só texto á historia da literatura galega.

O proceso de elaboración foi o de pedir a un conxunto amplo de protagonistas do mundo literario galego que escollesen aqueles textos que considerasen que deberían formar parte dunha antoloxía dos imprescindibles. Despois da selección comezou o proceso da tradución ao inglés, feita con todos os tradutores para ese idioma dende o galego que exercen na actualidade e que son nativos ingleses.

O conselleiro de Cultura sinalou que o apoio a esta iniciativa «non era só unha cuestión de deber, senón tamén de intelixencia» porque, segundo Varela, «é imprescindible que a potencia da cultura e da literatura galega sexa coñecida fóra do país». Varela respaldou a edición do segundo volume para os autores contemporáneos, sinalando a importancia do proxecto.