«O armiño dorme», de Neira Cruz, obtén o premio ao mellor libro xuvenil do 2009 publicado no Brasil

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

31 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A novela de Neira Cruz O armiño dorme obtivo o premio ao mellor libro xuvenil traducido no Brasil no 2009. A versión ao portugués do Brasil da novela de Neira Cruz vén de recibir o premio FNLIJ, un galardón concedido anualmente pola Fundaçao Nacional de Livro Infantil e Juvenil deste país. Esta entidade premia as obras que, en distintas categorías, supoñen o mellor do publicado no ano precedente a xuízo da crítica especializada brasileira. É a primeira vez que unha obra da literatura galega é recoñecida con este prestixioso premio, equivalente no ámbito brasileiro aos premios nacionais aos mellores libros do ano.

O armiño dorme -Premio Raína Lupa 2002, publicado por Galaxia no 2003-xa foi traducido ao catalán e ao castelán, ademais do portugués. Son numerosos os recoñecementos que leva recibido en todas estas linguas de recepción. A versión catalana foi destacada coa inclusión na Lista de Honra do IBBY, e a versión castelá considerada polo Banco del Libro de Venezuela como un dos dez mellores libros xuvenís do mundo no 2008. Tamén a Internationale Jugendbibliothek de Múnic incluíu O armiño dorme na prestixiosa lista dos White Ravens, o elenco dos mellores libros infantís e xuvenís a nivel internacional. Este novo galardón vén completar unha traxectoria internacional de O armiño dorme que sitúa esta obra entre as de máis proxección exterior da literatura galega dos últimos tempos.