As dúas desaparicións e a última busca do «Ocean Wave»

La Voz

FERROL CIUDAD

Era un barquiño que a publicidade dos anos setenta consideraba ideal para públicos familiares e non necesariamente moi mariñeiros. Quizais ideal para os grandes lagos norteamericanos, pero non das oleaxes atlánticas.

En calquera caso, o Ocean Wave estivo á deriva nas augas do Atlántico por un tempo próximo a dez meses, ata que foi localizado polo Eduardo Pondal. Esta foi máis tráxica, pero non a única desaparición deste barco.

Tres días despois de ser desembarcado no peirao de San Diego, en A Coruña, o Ocean Wave desapareceu das instalacións portuarias que, naquela altura do ano 1976, estaban abertas á cidade e tiñan unha limitada vixilancia.

O comisario da mostra, Pedro de Llano, leva buscado rastros deste barco dende que comezou a preparar a exposición e apunta que a aparición da embarcación «agora significaría pechar o círculo dese misterio».

Segundo razoa De Llano, polas propias características do barco, «non parece probable que fose moi lonxe e puido moi ben quedar pola zona da Coruña ou Ferrol». Sinala que por aqueles anos «as embarcacións de poliéster eran novidade en Galicia e ese tipo de barcos de recreo tampouco abondaban, así que seguramente chamou a atención de alguén que decidiu levalo do porto».