Quere ser o medio virtual para que máis xente sexa espectadora da sala.
27 abr 2010 . Actualizado a las 03:38 h.Quizais a única maneira que haxa de volver ver a Luís Tosar con The Magical Brothers ou o primeiro concerto de Mano Negra en Galicia sexa a través de RedeNasa.TV a canle interactiva que a Sala Nasa porá en marcha na segunda semana de maio. Esta canle, ademais de funcionar como unha televisión en rede, quere ser o medio virtual para que máis xente sexa espectadora da sala e tamén para que a interacción co público vaia máis alá de asistir aos espectáculos.
As dúas facetas fundamentais de RedeNasa TV serán a exhibición de contidos audiovisuais procedentes dos arquivos da sala dende hai case 20 anos. A outra será a ampliación das posibilidades dos espectadores mediante as ferramentas que proporciona Internet: espectáculos ao vivo e participación do público.
Nos cerca de vinte anos de historia da Nasa levan pasado por ela case toda os protagonistas do sector audiovisual galego, unha grandísima parte dos grupos de música do país e outra non menos importante dos que chegaban de xira a Galicia. O terceiro sector é o teatro que, como explica Xesús Ron, director artísitco da sala, «sigue sendo un dos motores da Nasa». Nese tempo tanto a Nasa como Chévere foi acumulando un arquivo que vai estar a disposición dos espectadores, dos de entón e dos de agora, a través da Rede. Explica Miguel de Lira que hai máis de 600 horas de actuacións, concertos, Ultranoites, que están sendo dixitalizadas e que poderá localizarse na web «a través dun buscador que se chamará A Robaliza ».
Berto Yañez, o desarrollador da firma A Navalla Suíza que está realizando RedeNasa.tv sinala que haberá a posibilidade de formar «a ultranoite ideal» escollendo espectáculos de entre todo o arquivo. Yañez sinala que «esta será a incorporación á Rede de material audiovisual de máis tamaño das realizadas en Galicia ata agora».
A actriz Patricia de Lorenzo apunta que este novo espazo permitirá «participar doutro xeito na programación». Como nunha televisión en rede «poderá recuperar cousas que se perdeu no seu día, poderá decidir o xeito de velas e poderá asistir a espectáculos novos e a partes da Nasa que non están visibles para os espectadores».
Lira apunta que entre as iniciativas que complementarán a canle está de abrir espazos para os espectadores. Explica o actor que se colocará «unha camara web nos camerinos, a camarina, para que haxa un certo espazo de intimidade e de complicidade e para que os espectadores saiban o que pasa antes e despois dos espectáculos».
As opcións do novo portal da Nasa permitirá que quen realice pequenos gags en vídeo poderá subilos a este portal.
Xesús Ron apunta que a intención de RedeNasa.Tv é posicionarse como un referente en Galicia «para un tipo de cultura que non é e que no quere ser institucional, que acepta todo tipo de maneiras de expresarse e que leva moitos anos demostrando que pode funcionar».