O Instituto Camões forma a docentes sobre o novo Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa

J. G.

LUGO CIUDAD

24 abr 2010 . Actualizado a las 02:06 h.

Docentes de portugués de escolas oficiais de idiomas, ensino secundario e das universidades galegas participan hoxe na segunda xornada formativa organizada polo Instituto Camões sobre o novo Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa. Olívia Figueiredo e João Veloso, especialistas en didáctica do portugués e en fonética da Facultade de Letras da Universidade do Porto, intervirán como relatores e resolverán as dúbidas sobre as implicacións da nova normativa no ensino e aprendizaxe do idioma.

Nestas sesións, en horario de mañá e tarde, tamén participan José Carlos de Vasconcelos, director do Jornal de Letras, Artes e Ideias, que conmemora 30 anos de presenza no mercado, sendo Vasconcelos un destacado defensor do maior apoio da Comunidade de Países de Língua Portuguesa para a difusión e afirmación internacional do idioma; e Elías Torres, profesor da Facultade de Filoloxía de Santiago e primeiro galego que preside a Associação Internacional de Lusitanistas.

Samuel Rego, representante do Instituto Camões no centro galego desta institución, afirma que se está a notar un incremento de persoas interesadas en aprender portugués, sobre todo nos centros de linguas das universidades.

Estas xornadas formativas comezaron o pasado sábado en Vigo, onde está a sede galega do Camões, e as sesións finais serán en Lugo o 8 de maio. O ciclo conta co apoio da Porto Editora, que xa ten publicados diversos materiais didácticos adaptados para o Acordo Ortográfico, e está aberto á participación de 70 docentes.