O conselleiro de Cultura ve bos os resultados xerais e admite que é «necesario mellorar a lectura en galego»

La Voz

CULTURA

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, considera que os resultado do estudo «son bos en termos xerais» porque «sinalan que os hábitos de lectura converxen cos españois, un obxectivo que sempre consideramos imprescindible». Varela Fariña admite que no caso da lectura en galego «os datos non son bos, e faise necesaria unha mellora deses índices».

Segundo o conselleiro, o estudo é o máis exhaustivo dos realizados sobre os hábitos lectores en Galicia e as cifras de conxunto ofrecen «unha melloría clara e unha converxencia coa media española que leva ritmo de desaparecer e que na lectura frecuente xa está igualada e aínda superada no caso das lectoras».

As cifras xerais obtidas dan lugar, segundo o conselleiro, a un certo optimismo sobre a mellora dos hábitos lectores no país durante os últimos anos, de maneira que será necesario marcarse algunhas metas novas. Neste sentido, sinalou o conselleiro que habería que «comezar a utilizar as medias europeas como referencia toda vez que a española está por baixo da media europea».

Sinala Varela Fariña que é posible «continuar esa mellora e ampliar as porcentaxes de lectura en Galicia para ir converxendo con Europa».

Máis promoción

No caso da lectura en galego, o conselleiro recoñece que as cifras non son boas e que as diferenzas co castelán son grandes. Roberto Varela advirte que hai que incrementar a promoción da lectura en galego en ámbitos extraescolares como posible solución a esta circunstancia. Apunta o conselleiro que hai que contar con que «esta é a primeira vez que temos estas cifras específicas sobre o idioma de lectura e polo tanto non sabemos de onde vimos, e nunha valoración histórica poden non ser tan malas, pero o dato dese 5,5% de lectura frecuente non é bo».

O titular de Cultura apunta que o ámbito no que pode operar o seu departamento non é o educativo e que, dende o seu punto de vista, «será necesaria unha campaña de promoción da lectura que afecte tamén a públicos non escolares». Segundo Varela Fariña, sería unha primeira medida que «pode ser efectiva a curto prazo e que, en función do tipo de campaña, pode reclamar un maior protagonismo da lectura en galego».