Gilberto Zorio transforma e provoca novos espazos no CGAC

Camilo Franco

CULTURA

A mostra do artista italiano é a primeira programada polo actual director do centro, Miguel von Hafe

17 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Canoas que atravesan o espazo golpeando contra as paredes do CGAC, recantos reconstruídos con bloques, micrófonos esperando a voz dun espectador que soará gutural, A internacional ao xeito de Hendrix e estrelas iluminadas. Son algunhas das pezas que forman parte da exposición de Gilberto Zorio no Centro Galego de Arte Contemporánea e que é a primeira programada polo actual director, Miguel von Hafe, desque tomou posesión.

Zorio (Biella, Italia, 1944) inaugurou onte no CGAC unha mostra que mantén un diálogo combativo cos espazos arquitectónicos de Álvaro Siza. Segundo o director do CGAC, esta maneira de actuar do artista, «pensando cada unha das exposicións en función do espazo proposto» é un «feito central». Deste xeito, máis que integrar as súas pezas dentro do contedor arquitectónico, Zorio fai «interactuar e integrar o espazo arquitectónico no propio discurso expositivo». Entre outras propostas, o artista transforma con construcións efémeras as rutas habituais do CGAC, pechando corredores, reducindo espazos e dando unha nova distribución que coloca no seu centro a Torre Stella Santiago.

Gilberto Zorio pensa ben as frases antes de dicilas e confesa que foi «difícil axeitarse aos espazos do CGAC», pero por iso mesmo considera que é «unha exposición excepcional» e asegura que «valeu a pena estar aquí».

Von Hafe sinalou que era un obxectivo iniciático que a obra de Zorio pasara polo CGAC para sinalar dúas palabras suscitadas pola obra do artista, «abraio e curiosidade». Para o comisario da exposición, Gianfranco Marianello, a obra de Zorio ten a vocación de «desafiar o espazo», un xeito de traballar no que, segundo o artista, «o espazo é utilizado, pero non da mesma forma que para a escultura».

No caso das pezas protagonizadas por sons, o artista italiano explica que se trata de «esaxerar e amplificar os sons como fago co resto da miña obra». No caso de A Internacional, explica Zorio que mandou «facer unha versión do himno similar ao que fixo Hendrix co norteamericano en Woodstock».

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, explicou na presentación da mostra que a intención do seu departamento é facer do CGAC «un instrumento fundamental das políticas de internacionalización e globalización da cultura galega». Sinalou que o centro terá unha «programación plural e, en boa parte, provocadora». Advertiu Varela que en Galicia «posuímos un capital artístico comparable, dentro das súas dimensións, ao acumulado nos centros de poder máis grandes do mundo».

Música e arte

Onte foi presentado ademais un ciclo de música que se celebrará ata o mes de decembro e que estará relacionado coas mostras do CGAC nese mesmo período. Música e Arte. Correspondencias sonoras é o ciclo de concertos que comezará coa participación de S@X21, un cuarteto de saxofóns cunha obra que, musicalmente, pode relacionarse coa de Zorio.