«Boas noites, Galicia» percorre o país en 166 fotos nocturnas

La Voz

CULTURA

Teófilo Edicións adiantou a publicación deste libro con motivo do ano santo

16 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A empresa compostelá Teófilo Comunicación ofrece por medio da súa división editorial un percorrido pouco ou nada coñecido pola xeografía galega a través de 166 fotografías nocturnas no volume Boas noites, Galicia . Que as imaxes do fotógrafo Alberte Peiteavel sexan da noite non é para ocultar defectos coma o feísmo urbanístico, senón porque «si algo tiene magia es la noche, y si algo tiene Galicia es magia», como sinalou o editor, José Luis Teófilo Piñeiro.

A publicación adiantouse con ocasión do ano santo sobre as previsións iniciais de pechar con el unha serie de libros dedicados ás principais cidades galegas. Este cambio de plans responde a que, como explicou o editor, ao fin e ao cabo «somos una empresa», e querían aproveitar que moitos dos miles de visitantes que virán a Galicia atraídos por Santiago queren levar un recordo así.

Ata o de agora publicaron volumes das mesmas características, con fotos nocturnas tanto urbanas como de paisaxes característicos das rías e ríos, de monumentos e de arquitecturas contemporáneas, dedicados a Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Santiago, este último esgotado e do que van sacar en breve a segunda edición. E teñen en marcha o mesmo tipo de libros sobre Vigo, Ferrol e Coruña. En todos o casos, o título é sempre o de Boas noites máis o nome da cidade.

Unha porcentaxe das vendas do libro destinaranas ao Proxecto Home, entidade que xa foi a beneficiaria de parte dos ingresos obtidos por Boas noites, Santiago . Noutros casos destinaron parte dos beneficios a Aldeas Infantiles e a Cáritas. Esta colaboración forma parte da política de responsabilidade social corporativa que leva a cabo Teófilo Comunicación nos ámbitos do medio ambiente, a formación continua e a integración social, ademais das institucións benéficas sen ánimo de lucro.

A presentación de Boas noites, Galicia celebrouse no Hostal dos Reis Católicos coa participación do editor, do ex presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor, e o director do Proxecto Home, Ramón Gómez.