Blanca Cendán dirixirá o Centro Dramático Galego con especial atención ao musical

Camilo Franco

CULTURA

Cultura confirmou onte «á mellor valorada dos candidatos» existentes

10 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Non houbo deserto e o Centro Dramático Galego terá a Blanca Cendán como directora na vindeira etapa. O consello da Axencia Galega das Industrias Culturais designou á mellor valorada dos tres candidatos posibles, segundo a comisión avaliadora, para pechar unha etapa de provisionalidade á fronte da unidade de produción teatral da Xunta de Galicia.

O proceso, algo movido e con algunhas incertezas, rematou onte pouco despois das sete da tarde cando o consello da Agadic deu por bo o nomeamento de Blanca Cendán como nova directora do CDG.

Mentres dende a Consellería de Cultura salientouse onte que esta era a primeira ocasión na que se designaba este posto por convocatoria pública, a actriz dixo, poucos minutos despois de ser confirmada a súa designación, «estar tranquila e ilusionada coas posibilidades de traballar no Centro Dramática Galego» e ter superados xa «os nervios do proceso de selección». Blanca Cendán sinalou onte algunhas das liñas principais que levará adiante dende o momento en que tome posesión do seu novo cargo. A ata agora actriz apuntou que a súa intención «é realizar unha programación o máis ampla posible e atendendo a cousas moi diversas, dende o teatro clásico á vangarda, dende os autores ben coñecidos ata os que teñen que emerxer».

Carreira no cabaré

Tamén apuntou que a súa carreira como actriz, «desenvolvida nun 80% nos arredores do cabaré e da música», pesará en algúns dos proxectos que pretende desenvolver como directora do CDG. Un dos máis ambiciosos, segundo explicou, é prestar «especial atención ao teatro musical en varios sentidos». Un deses sentidos é a «produción dalgunha obra clásica do xénero musical que poida reivindicar a súa actualidade e a súa vixencia».

A nova directora do centro sinalou que o ano 2011 será o ano da música, explicando que, para esa data, «o CDG poderá facer a súa particular contribución a esta conmemoración». Cendán sinalou como posible a produción da Ópera de tres peniques , de Bertold Brecht, que, no proxecto de Cendán, podería «estar interpretada por un actor galego de proxección internacional». Nese mesmo sentido, e tendo en conta a súa traxectoria cabareteira, a nova directora defendeu que haberá unha maior presenza das artes do cabaré nas programacións vindeiras do CDG, emparelladas «con outros xéneros nos que se combinen clásicos e experimentais».

Prazas históricas

Outros dos proxectos que Blanca Cendán pretende levar adiante nos seus próximos tres anos á fronte do CDG está o de aproveitar espazos históricos das cidades galegas para convertelos en espazos escénicos. Segundo a nova directora, «este proxecto permitirá aproveitar espazos únicos para facer teatro, pero tamén incorporar públicos que agora mesmo non están indo aos teatros»

Blanca Cendán tamén adiantou onte despois do seu nomeamento que ten a intención de pór en marcha un consello de dirección, «aínda que o nome non está decidido», un gabinete de asesores á dirección do CDG para ampliar as opinións e puntos de vista e contrastar os proxectos a realizar.

Neste sentido, sinalou a actriz que este consello «será amplo e nel estarán representada xente do sector escénico, xente de dirección de interpretación, pero tamén programadores ou xente da universidade».

Cendán engadiu asimesmo que ten a intención de «incorporar ás xeracións máis novas das artes escénicas» nas producións e nas coproducións que se vaian desenvolver no Centro Dramático Galego, «e nas que se poidan explorar tamén as novas maneiras de facer teatro».