As «Meigas» de Miguelanxo Prado, no primeiro posto das descargas de aplicacións de Apple para Iphone

La Voz

CULTURA

Miguelanxo Prado publicou na súa páxina web que non ten páxina oficial no Facebook e que a que existe co seu nome non ten nada a ver con el.

16 mar 2010 . Actualizado a las 17:46 h.

Despois de ser a primeira adaptación dun cómic para Iphone, a primeira desas historias que se poden descargar dende a tenda de aplicacións de Apple acadou o primeiro posto de descargas, segundo explicou a editora da iniciativa, Continental Games.

Utilizando Imotion Comic, un formato desenvolvido para editar banda deseñada no particular aparello da firma de California, Continental puxo no mercado hai dous meses a primeira das adaptacións das historias procedentes de Quotidianía delirante, de Miguelanxo Prado.

A primera delas levaba por título Meigas e foi subida a Appstore de maneira gratuíta para que os usuarios deste sistema e do seu aparello estrela tivesen oportunidade de comprobar como funciona. Esa primera iniciativa tivo, segundo a firma, unha máis que excelente acollida entre a comunidade de usuarios da marca, ao chegar ao primeiro posto de descargas na sección de publicacións gratuítas e manterse nela varias semanas. Segundo a firma, mesmo estivo por riba en número de descargas da aplicación que permite ler os libros publicados para o lector electrónico Kindle no aparello de Apple.

Dende Continental sinalan que está é unha das primeiras veces que unha compañía española acada estas posicións no número de descargas posto que hai pouca produción na Península para este mercado. Ademais, Continental lanzou, pouco despois da primeira edición, unha segunda axeitada para o sistema operativo non actualizado que tamén chegou aos primeiros postos das listas de descargas.

Prado non ten Facebook

Miguelanxo Prado publicou na súa páxina web que non ten páxina oficial no Facebook e que a que existe co seu nome non ten nada a ver con el. O debuxante aclara que nesa páxina da rede social «non hai nada ofensivo, pero hai que aclarar que non é miña e que teño que aclarar á xente que deixa mensaxes para min que eu non estou ao outro lado».

Prado aclara que na páxina se presenta como seu un debuxo que non é, ao tempo que agradece a tanta xente que se rexistrou a amabilidade de interesarse por el. Pide o artista que quen queira que sexa o autor «especifique sen deixar lugar a dúbidas que non é Miguelanxo Prado» e insiste: «Eu non teño nada que ver coa páxina».