A editorial Trifolium recupera os retratos de autores galegos de Gómez de la Serna

Camilo Franco

CULTURA

Publícanse os textos que o escritor madrileño realizou sobre Valle-Inclán, Maruja Mallo e Emilia Pardo Bazán

23 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

É posible que Ramón Gómez de la Serna sexa hoxe valorado máis como un escritor enxeñoso que como un autor profundo. Non obstante hai lucidez nesa falta de respecto polos xéneros e no xeito en que utilizou o humor como ferramenta fundamental do retrato.

Xusto o retrato foi un dos xéneros literarios que practicou para achegarse aos personaxes dende unha perspectiva máis imaxinativa e menos pendente do rigor literal que a biografía. Os seus retratos contemporáneos non esquivaron nunca o punto de vista, a ollada subxectiva do retratista e, en moitos sentidos, comportouse como os pintores coetáneos seus á hora de facer retratos: prestaban máis atención ao que percibían que ao que vían.

Na profusión escrita de Gómez de la Serna figuran esas biografías contemporáneas polas que foron retratados grandes autores coetáneos de inventor das greguerías. Tres dos retratos foron recuperados agora pola editorial Trifolium publicados en galego tendo como protagonistas a tres personaxes nacidos no país e que, entón como agora, eran relevantes protagonistas da vida cultural española.

Os dous primeiros volumes publicados pola editorial que dirixe Xan Arias teñen como protagonistas a Ramón del Valle-Inclán e a Emilia Pardo Bazán, aínda que no primeiro caso o libro ten máis vocación biográfica e o retrato resultante é máis completo que no segundo dos volumes. O terceiro dos volumes que completará a visión de Gómez de la Serna sobre autores nacidos en Galicia sairá aproximadamente nun mes e estará dedicado a Maruja Mallo.

A pesar da distancia con que de la Serna asume unha e outras obras, hai un elemento común nesa singular maneira con que o escritor madrileño se aproxima ás figuras das que escribe. Por unha banda unha proximidade que sería inusual para unha biografía máis cortada polo patrón anglosaxón. Unha proximidade algo cariñosa que no caso de Valle é moito máis admirativa que cando se refire a Emilia Pardo Bazán.

É no texto dedicado a esta escritora onde Gómez de la Serna utiliza a palabra impresións para referirse á maneira en que se aproxima á escritora e de «impresionista» á «silueta» que o escritor quere facer no texto sobre ela.

Con esa aproximación e co ton cariñoso que vai repartindo certa inxenuidade polo texto De la Serna non deixa de tentar situar á escritora nese contexto no que se moveu de abundancia material en relación con tantos escritores afogados polas carencias. O retratista sinala xa nas primeiras páxinas do retrato esa circunstancia vital favorecedora para autora: «Dona Emilia, nunha vida de escritores pobres e con dificultades, ten sempre un vivir de meco, de gabán de peles, de butacas e mesas ministrables». Con esta circunstancia chega a unha conclusión sobre a obra da Bazán: «Algo falta na súa obra, unha certeza vivinte, unha independencia bohemia e literaria, algo que por faltar fai que toda a súa vida sexa unha existencia somnámbula».