Cultura abre o Ano do Libro e a Lectura cun autobús de animación cultural que irá a 14 vilas

La Voz

CULTURA

A viaxe por 14 vilas de toda Galicia dun autobús equipado cun programa de actividades de animación cultural abre os actos do Ano do Libro e a Lectura que pon en marcha a Consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de aumentar o consumo industrial de libros e os hábitos lectores.

O autobús coa campaña Libros sobre rodas arranca hoxe de Santiago para seguir en días sucesivos por Lalín, O Saviñao, Sarria, Viana do Bolo, Celanova, Ribadavia, Verín, Ponteareas, Vilagarcía, A Pobra do Caramiñal, Betanzos, Narón, Vilalba e Ribadeo, onde remata o 8 de febreiro despois de percorrer uns mil quilómetros. En cada parada ofrecerá un espectáculo de animación para estimular a curiosidade e o interese do público. As persoas que suban ao autobús entrarán nun espazo «simbolicamente escuro para acceder á beleza e á luminosidade do coñecemento». Aí recibirán de agasallo un libriño coa historia da edición impresa, como explicou o director xeral de Promoción e Difusión Cultural, López Barxa, que presentou o programa co conselleiro de Cultura, Roberto Varela, na biblioteca pública de Santiago Ánxel Casal.

Autores senlleiros

O compromiso coa lectura da Consellería de Cultura estenderase ao longo de todo o ano, contando ademais co Xacobeo, polo que un dos programas consistirá en trinta espectáculos de música e poesía polos nove camiños que conducen a Compostela. A promoción aséntase en cinco eixos: animación cultural, difusión da cultura, actividades de promoción e difusión do libro, fomento da lectura e mellora da xestión do libro e da biblioteca.

Roberto Varela salientou que queren dar «un paso importante» na promoción da lectura e aumentar o consumo de libros. «Pensamos -dixo- que as industrias culturais necesitan apoio institucional para poñelos a rodar, e porque hai un nivel creativo e un potencial literario, pero os índices de lectura están por debaixo da media española». Como mostra da «excelente vitalidade» de que goza a nosa literatura, o responsable de Cultura destacou «algúns dos senlleiros autores clásicos» como Martín Códax, Rosalía, Cunqueiro e Cela.