«Invisible», a última novela de Paul Auster, chega en galego ás librerías da man da editorial Galaxia
CULTURA
Chega ás librerías galegas Invisible, a nova novela de Paul Auster, que desta volta introduce ao seu protagonista, un estudante universitario con vocación de poeta, nun perverso triángulo amoroso que o vai involucrar nun acto violento que alterará o curso da súa vida.
A nova novela de Auster, publicada en inglés hai apenas un par de meses, foi recibida con entusiasmo pola crítica norteamericana e inglesa. En Invisible recoñécese ao mellor Auster, o dos personaxes engaioladores e a narración con reviravoltas sorprendentes. O narrador manexa como ninguén o suspense e consegue desacougar os lectores cunha imaxinación intelixente e historias sempre inquietantes.
A historia que conta Invisible segue o fío dunha narración en espiral que comeza en 1967, cando Adam Walker, un estudante da Universidade de Columbia que se opón á guerra de Vietnam, coñece nunha festa unha parella de franceses, o enigmático Rudolf Born e a sedutora e silandeira Margot. As relacións deste triángulo perverso van involucrar a Walker nun inesperado acto de violencia que alterará o curso da súa vida.
Paul Auster (New Jersey, 1947) apreixa o lector nunha trama novelesca que se espalla desde a década de 1960 ata os inicios do século XXI. Invisible é unha viaxe inquietante polos límites que separan verdade e memoria.
Boa acollida
A crítica acolleu de maneira positiva a última novela do escritor americano. «Unha novela de suspense impecable, intelixente e inquietante», dixo Donna Seaman en Booklist. Outros coma Don McLeese consideran que é o mellor traballo feito ata agora por Auster. «Posiblemente nos atopamos ante a mellor novela de Auster».