«A composición en danza e poesía son procesos irmáns»

Camilo Franco

CULTURA

A coreógrafa presenta en Santiago o seu primeiro libro de poemas, «Dentro do labirinto», e a peza «Game Over»

21 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Branca Novoneyra presenta en Santiago unha peza por partida dobre ou unha dobre peza. Poesía e danza no mesmo sentido. Palabras e movementos construídas unhas sobre os outros. Na galería SCQ de Santiago, hoxe, 20.30 horas.

-Unha nova peza de danza e un libro de poemas. ¿Cal é a relación entre eles?

-A peza Game Over constrúese sobre o poemario Dentro do labirinto (Espiral Maior). Segue a orde dos poemas e non se despega en ningún intre do material textual. Neste caso a relación entre o texto e o movemento é simbiótica, polo que o espectador transfórmase en lector e viceversa. Esta peza é un proxecto colectivo, no que implico a música orixinal de Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada e a Kirenia Martínez, que coreografía e dirixe a peza.

-¿A danza ten unha vocación poética inevitable?

-A composición en danza e a composición en poesía son procesos irmáns. Tanto o primeiro texto que escribes como os primeiros movementos que recolles; e logo como deconstrúes, castigas e sintetizas a palabra e o movemento, como elixes a proposta final e decides a mirada que persegues para o lector ou do espectador, todo isto mobiliza dous procesos creativos semellantes.

-Con frecuencia, danza e poesía están ligadas, pero procedentes de ámbitos distintos e de autores diferentes. ¿É máis fácil bailar con palabras propias ou escribir sabendo que se van bailar?

-Traballar con textos propios implica afondar e recuperar, ademais de provocar unha nova inmersión na mirada poética que os produciu.

-¿Cre que nos últimos anos houbo unha aproximación entre danza e poesía?

-No ámbito da danza produciuse unha apertura cara a procesos interdisciplinares. A danza asumiu referentes externos que enriqueceron o seu discurso contemporáneo. Creadoras como Olga Mesa, Sonia Gómez ou Claudia Faci implican textos propios nas súas propostas escénicas. Son un exemplo de vitalidade na relación entre texto e movemento na performance e na danza.

-No proceso de construción das dúas pezas ¿por onde empezaches?, ¿polos textos ou polas coreografías?

-Comezamos cunha análise do texto para elaborar un guión que relacione movementos, emocións, sensacións, texto en escena, espazos sonoros e lumínicos; todos os materiais extraídos directamente dos poemas. Esta análise en Nexus 6 foi colectiva, mais en Game Over, a escolla dos materiais filtrouna a coreógrafa Kirenia Martínez. Ela foi quen elaborou unha especie de story-board seguindo a orde dos poemas que aparecen en Dentro do labirinto . Buscamos unha mirada simultánea do lector e do espectador. Propoñemos que o público vexa un libro ou lea unha peza de danza.

-¿De que maneira foron influíndo unha cousa na outra? Na hora de ter que escoller que condiciona máis ou cara a onde te inclinas, ao poema ou a coreografía?

-Game Over fusiónase totalmente co poemario. O tratamento no proceso de montaxe oscila do movemento ao texto e do texto ao movemento. Perseguimos unha complicidade na mirada do espectador sobre un labirinto textual convertido nun videoxogo.

-¿Escribir e publicar poesía co apelido Novoneyra implica unha responsabilidade engadida?

-Implica sentirme profundamente gardada por unha mirada poética luminosa e potentísima.