A música ten tanto protagonismo como a palabra ou a imaxe, e César Morán escribe, en A música en Cunqueiro , sobre os universos musicais que habitan na prosa e no verso do escritor mindoniense. Morán percorre a obra literaria cunqueiriana sinalando a súa musicalidade, concretada no son da auga da fonte, no canto dos paxaros, nas referencias explícitas á música clásica ou ás cancións populares, así coma na presenza de pentagramas musicais inseridos nos seus textos.
César Morán guía o lector na escoita do cedé Músicas que acompaña o libro e que inclúe unha selección de cancións sobre poemas de Cunqueiro, entre elas, Quen poidera namorala , de Luis Emilio Batallán, A dama que ía no branco cabalo , de Amancio Prada, Polos teus ollos , de Sete Sais ou Con auga de sede vella , de Jei Noguerol.
Discursos
Doutra banda, Rexina R. Vega analiza en A espléndida monotononía de Álvaro Cunqueiro os dous documentos sonoros incluídos no cede A Palabra: un discurso na UNED en Madrid en 1976, reflexión sobre a obra e os resortes da poética que rexen os traballos do creador; e o seu discurso de investidura como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago. Advirte Rexina que «quen na soidade do seu cuarto decida resucitar a Cunqueiro facéndoo volver dicir coa súa voz, atopará a brillantez, a intelixencia e a bondade dun home sabio».