A diferenza entre centro e museo, entre programar actividades ou exhibir obra

C.?F.

CULTURA

Os dous directores de centros de arte contemporánea en Galicia consideran que, na práctica, non ten por que haber diferenzas entre un centro de arte e un museo de arte contemporánea. Sinalan ambos os dous que é máis unha cuestión de traxectoria de cada institución que dun problema de definicións.

Pregunta. ¿É posible que haxa unha identificación entre centro como espazo de actividades e museo como un espazo de exhibición?

Miguel von Haffe. Os centros de arte naceron en Alemaña cunha intención e unha vocación moi clara. Esa denominación foise estendendo e quizais quería apartarse do que eran os museos anteriores, pero creo que agora funcionan en paralelo sen que se defina polo nome unha actividade determinada ou outra. A cuestión aquí é máis de traxectoria de cada institución que de definición e, nese sentido, non é importante como se chamen.

Iñaki Martínez. Estou completamente de acordo con Miguel en que a denominación non incide no carácter do museo. Entre outras cousas porque, en moitos casos, os nomes de cada institución se deciden cando se fai o edificio e non están completamente definidos os usos e os proxectos.

P. ¿Como definides as relacións entre centros, comisarios e artistas?

M.?V.?H. Montar unha exposición é moito máis que colgar uns cadros. Unha exposición ten que establecer un discurso e hai veces que o propio artista pode establecer ese discurso e hai veces que non. O comisario é quen ten que ofrecer esa primeira lectura, pero eu sempre critiquei que os directores de centros asumisen moitos comisariados e agora sigo pensando igual.

I.?M. Creo que unha grande parte dos artistas prefiren traballar con comisarios e unha exposición como a que temos agora de Barbi no Marco non podería ser igual sen a participación do seu comisario (Juan de Nieves). Quizais hai artistas que consideran que non precisan ter comisarios, pero eu creo que estes son os que máis necesitan dun comisario.