Cineuropa estrea o primeiro filme sobre o mundo do sexo en Galicia

M. B.

CULTURA

O punto de partida desta longametraxe foi a celebración do primeiro Festival Erótico de Vilagarcía

24 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O director galego Teo Manuel Abad, que o ano pasado presentara en Cineuropa Flores tristes , un relato sobre a represión que azoutou Galicia durante a Guerra Civil, bota man novamente dos mecanismos do documental televisivo para construír a súa nova longametraxe, Sexo. Entre o ceo e a terra , que hoxe se estrea no festival compostelán. Nesta ocasión o realizador muda totalmente a temática co obxectivo de trazar, segundo as súas propias palabras, o «panorama do sexo en Galicia».

O punto de partida deste proxecto, segundo explicou onte na presentación do filme Teo Manuel Abad, foi a celebración do primeiro Festival Erótico de Vilagarcía hai cinco anos. O director, abeirado no eido da televisión desde anos oitenta, quixo así «ver cómo sería o impacto, nunha sociedade como a galega, dun evento coma este, que era propio de grandes cidades».

Na súa opinión, este evento foi todo un punto de inflexión por tratarse da primeira vez que o sexo se facía visible no país, e ademais «con certo orgullo de si». A produción do filme comezou entón na propia Vilagarcía, e de aquí iniciouse un proceso de visita ás poliédricas caras do sexo en Galicia: sex shops , videoclubs, locais de intercambio de parellas, asociacións e un amplo abano de voces que, desde todos os ámbitos e posicións ideolóxicas, dan a súa particular interpretación do mundo do erotismo e o sexo en Galicia. O director comentou que entrevistaron «a todos os actores, desde feministas ata sacerdotes [o párroco de Vilagarcía tamén] para ver a repercusión». «E despois empezamos a tirar e fixemos unha ampla investigación por toda Galicia na que participan desde antropólogos e etnólogos ata a parte frívola como os locais de intercambio», dixo.

A idea subxacente á hora de realizar cada unha das entrevistas, afirmou Abad, era a de «intentar determinar se o sexo en Galicia tiña algún elemento diferenciador». Un dos aspectos destacados é «cómo en Galicia se vai asumindo por fin a homosexualidade, un dos sitios onde máis se está asumindo». Neste sentido, a película descobre personaxes como o coruñés Tomás Fábregas, quen en San Francisco, xa durante a época de Bush pai, enfrontouse ao establishment , conseguindo que puideran entrar seropositivos en Estados Unidos.

Con todo, a conclusión da maioría dos entrevistados foi que o sexo, como fenómeno social e como mercado, está «un tanto atrasado en Galicia, pero só un pouco». «Ata hai moi pouco -comentou Teo-, o sexo era algo soterrado, pero moita da xente entrevistada considera que está a florecer agora, a súa normalización comezou». Tamén consideran que o papel de Internet e as novas tecnoloxías tivo moito que ver con este agromar. A visión dunha Galicia atrasada nas cuestións sexuais non é unánime nas opinións vertidas na película. Abad recordou que «un dos antropólogos entrevistados considera que Galicia foi historicamente moi adiantada en materia de sexo», aducindo exemplos como «o bo trato que sempre se lle deu aos fillos de solteiras ou dos cregos nas aldeas» ou o feito de que existisen revistas para mulleres durante a República. A Guerra Civil e a posterior represión acabaron con este clima de tolerancia sexual.