«Lúa de Alén Mar» venceu a presión franquista sobre o galego hai 50 anos

CULTURA

O poemario de Guerra da Cal, que impactou en EE.UU., Francia, Brasil e Portugal, cumpre medio século

31 oct 2009 . Actualizado a las 02:31 h.

O 31 de outubro de 1959 Galaxia editou Lúa de Alén Mar , o primeiro poemario de Ernesto Guerra da Cal. Ese volume foi aplaudido pola crítica galega e conseguiu que as Letras do país vencesen a presión que exercía o franquismo contra elas, polo impacto que supuxo o que por vez primeira nese período nomes de referencia dos campos literario e dos estudos literarios en Estados Unidos, Francia, Portugal, Brasil, Italia, Porto Rico, México, Checoslovaquia ou Mozambique o valorasen en publicacións especializadas.

Ás poucas semanas principiou a recepción: Ánxel Fole, Manuel Rabanal, Xosé Luís Franco Grande, Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Lorenzo, Vicente Risco, Fernando Mon e Otero Pedrayo difundiron entre 1959 e 1960 críticas en xornais galegos, que destacaban as innovacións do libro, en especial estilísticas, temáticas e ortográficas.

Otero Pedrayo, na altura a figura de referencia do galeguismo, por dúas veces se ocupou dese produto. Nunha delas, en La Voz de Galicia, salientou o «sentido occidentalista y europeo, compostelano y atlántico» de Lúa de Alén Mar , que colocaba en diálogo con Paio Gomes Charinho o Rei Sabio, António Nobre e Rosalía de Castro.

O galeguismo tivera fortes enfrontamentos co franquismo, mesmo no exterior, como a denuncia presentada en Montevideo perante a Unesco en 1954 pola represión contra o idioma. Foi por iso polo que acolleu con satisfacción este poemario de Da Cal, que conseguiu un ansiado impacto internacional para a literatura galega.

Publicacións tan prestixiosas como a Revista Hispánica Moderna, da Columbia University; ou Books Abroad , da Universidade de Oklahoma, en Estados Unidos, difundiron reseñas asinadas por Emilio González López e polo hispanista Manuel Jato Macías. O propio Ramón Piñeiro divulgou o poemario en Ínsula; e Concha Castroviejo e o brasileiro Luiz da Costa Lima Filho en Informaciones e en Cuadernos Hispanoamericanos , de Madrid.

En tres continentes

O recoñecemento chegou en tres continentes, algo difícil de imaxinar entre os escritores galegos da altura. O poeta e crítico Manuel Bandeira, Eduardo Portella, Euryalo Cannabrava e Antônio de Oliveira Coelho, en Brasil; Eugenio Granell, en Francia; Helena Cidade Moura, Rodrigues Lapa, Maria Joaquina Nobre Júlio, Francisco José Velozo, António Losa ou Jacinto do Prado Coelho, en Portugal; Aurora de Albornoz, en Porto Rico; Giuseppe Carlo Rossi, en Italia; o recentemente desaparecido Daniel Cortezón, e Raymond Sayers, Antônio Houaiss e William Myron Davis, en Estados Unidos; Joaquim Montezuma de Carvalho, en Mozambique; Zdenek Hampejs, en Checoslovaquia; ou Manuel García Barros, en México, tamén se manifestaron nos anos sesenta sobre Lúa de Alén Mar , reeditado pola Agal en 1991.

No poemario está moi presente a infancia de Da Cal en Quiroga e as paisaxes do Sil e do Lor. Nas súas páxinas tamén se encontran algúns dos poemas máis citados das letras galegas producidas no século pasado, como Ladaínha a Rosalía de Castro, Frol de Mágoa, Minha Terra e Poema a Luís de Camões , algúns tamén musicados.

Varios estudosos dedican atención nos últimos anos a este libro e ao resto da poesía de Da Cal, a pesar do seu ostracismo nos medios académicos oficiais, e de ser ignorado en recentes historias da literatura galega.