«Para o ano que vén hai que ter unha programación forte»

La Voz

CULTURA

Alberto Núñez Feijoo entrou onte no CGAC por primeira vez como presidente da Xunta anunciando que acudirá máis veces e asegurando que por primeira vez na «historia do centro os especialistas decidiron o nome mellor para a dirección, e nós acatamos esa decisión». Feijoo decidiu comparar a Miguel von Hafe con «fichaxes doutras institucións, como Figo ou Cristiano Ronaldo» na presentación do novo director, para quen as primeiras mostras do seu labor comezarán a verse no primeiro mes do 2010, aínda que lle gustaría «ter un pouco máis de tempo, oito meses estaría ben, pero non vai poder ser».

-O CGAC arrastra problemas laborais dende hai anos. ¿Vanse solventar? ¿Afectarán á conformación do seu equipo?

-Tres palabras para iso. Motivación, motivación, motivación. Un equipo ten que estar motivado para o traballo. Ten que gustar do que fai. Non teño coñecemento exacto da situación porque aínda non tomei posesión, pero creo que se traballan aquí é que gustan da arte, e se gustan da arte traballan nun contexto específico no que hai que encontrar a competencia desas persoas para cada un dos cometidos. Cando se ten claro o que se quere conseguir pódense facer moitas cousas por riba dos problemas burocráticos, que ás veces poden ser moi perniciosos nas relacións dos equipos.

-¿Cales serán as primeiras mostras da súa dirección?

-Hai dous condicionantes que temos que converter en positivos. Temos premura de tempo e hai que estar á altura do Xacobeo. Polo tanto as primeiras exposicións serán mostras que están xa en circulación ou que se estean producindo porque non hai tempo para producilas. Debemos ter para o ano próximo unha programación moi forte e de carácter internacional. Haberá producións propias, pero serán contra o final do 2010. O que si podo dicir é que esa programación pasa por repasar a obra dos autores seminais da arte contemporánea nos últimos trinta anos.