Dous lectores admiradores da poesía que reivindican a narrativa

La Voz

CULTURA

Unha das coincidencias entre López Silva e Fernández Paz é que non practican a poesía como autores. O segundo admite que «algo hai escrito, pero non se coñecerá». A primeira, «nin tocala».

Os dous aseguran ser bos lectores de poesía e mesmo Agustín Fernández Paz sinala que entende que é «a forma superior de escrita literaria». Silva consideran que non tanto, que «hai narradores que poden acadar ese grao de elaboración e de comunicación que ten a poesía».

Tampouco coinciden en que está xustificado o tópico de que Galicia é un país de poetas, e é López Silva quen está menos convencida. Considera que no país, a pesar dos cambios e da madurez da narrativa, aínda «hai unha certa visión de que a poesía é superior».

Fernández Paz é un narrador pero cre firmemente no papel da poesía e remite a Valente para explicar que «o poeta debe ser o máis útil dos cidadáns da tribo». Apunta que, no caso galego, o peso do verso sobre a prosa leva con el «algunhas circunstancias históricas que se foron diluíndo nos últimos anos, na medida en que fomos contando con máis narradores, que as novelas foron mellores». Silva apunta que aínda «non se foi de todo esa lectura», pero Paz matiza que «será cuestión de tempo».