«No meu proxecto haberá máis museo e máis traballo coa colección»

La Voz

CULTURA

Unha hora despois de ser nomeado, Miguel von Hafe Pérez aseguraba que era «unha altísima responsabilidade ser director do Centro Galego de Arte Contemporánea» e lembraba que ser «elixido por un comité de nomes como os que formaban parte do reunido pola Xunta é un orgullo para calquera que se dedique á arte contemporánea».

Von Hafe, que xa colaborou en algunhas actividades do CGAC anos atrás, confirmou que o proxecto que presentou para o seu labor como director do centro podía ser considerado de carácter museístico. Segundo Hafe a intención é «elaborar un programa de exposicións como un dos argumentos fundamentais do centro». A outra liña que o recén nomeado director apuntou como fundamental é «o traballo coa colección que ten o centro».

Aprender galego

O novo director asegurou que cumpriría no prazo máis breve co seu traslado a Compostela e que, dende aquí, explicaría o seu proxecto de maneira máis detallada. O conselleiro sinalou tamén que o novo director debería aprender galego no prazo dun ano «aínda que sendo portugués non creo que teña problema». Varela explicou que a súa orixe en Porto e a súa relación con Galicia impedían que «se fale del como un candidato de fóra». O conselleiro sinalou que Von Hafe «terá que asumir en parte o traballo de transformación que ten que realizar o CGAC para o seu novo estatus xurídico».