«Non existe unha escola galega de cómic e non debe existir»

Á. V.

CULTURA

27 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Prado e Rubín non cren que se poida falar dunha estilística que reúna os autores de Galicia baixo a etiqueta de «escola galega».

P. ¿Cren que hai algún tipo de características que agrupen o cómic do país? David Rubín. Penso que non. Creo que non existe nin escola galega e que debería seguir sen existir. A nosa maior forza é a diversidade e as grandes diferenzas que podemos abarcar dentro do medio, e así coller lectores distintos. Galicia está presente porque vivimos aquí, e como artista, o lugar onde estás acaba por saír na túa obra. Aínda que non fales de Galicia e debuxes prados... Miguelanxo Prado. Ademais, alí onde houbo unha escola as cousas remataron mal. Entre outras cousas porque un colectivo tan organizado como unha escola, que ten referentes claros e líderes que marcan pautas, sempre ten que ir acompañado dun fenómeno de moda. E desde o momento en que hai unha moda, deixa de selo nalgún momento. Pasou coa liña clara valenciana. Co colectivo de Madrid que acabou espallado. Coa liña que representaba a revista Víbora ... Ao final ese tipo de estratexias funcionan só a curto prazo. Cando falas de liñas con maiúsculas, como pode ser a escola franco-belga ou a xaponesa, depende de criterios moi abertos e onde as diferenzas entre autores son abismais. E máis falar de marcos onde se moven. M. P. E mellor que a xente se interese por ler a obra de Miguelanxo Prado, Quique Benlloch ou Emma Ríos, que ningún deles ten nada en común. Os tebeos hai que lelos polos autores, non pola súa procedencia.

P. En cambio, o que si que ten de particular o mundo do tebeo é a súa querenza por formar colectivos. D. R. Aquí en Galicia xurdiron case por necesidade Bd Banda e Polaqia, que seguen activos. Naquel momento, no ano 2000, non había nada salvo autores como Miguelanxo ou Carlos Portela. Entón, nós, que tiñamos vinte e poucos anos, decidimos comezar así porque non tiñamos contacto cos editores. Logo foi medrando e profesionalizándose. As revistas foron unha pista de probas para as historietas curtas, e así prepararte para as longas. O resto débese moito aos concursos. Eu crieime como autor neles. Para min foron a escusa para facer obras longas.

P. Outra das características do cómic respecto a outras disciplinas é a estreita relación que sempre tivo co cine. Miguelanxo Prado. É unha relación moi vella. D. R. Son medios que son curmáns. Ás veces é perigosa, porque hai autores que fan cómics que en ocasións parecen o story-board dunha película e, ao revés, películas que parecen cómics, e que logo non hai quen as vexa. M. P. Hai autores de cómic que participaron no nacemento do cine facendo dirección artística ou story-board . Cómics dos que se fixeron películas e viceversa. E logo está o caso intermedio que é o cine de animación.