O xogo de rol é unha terceira parte dun produto cultural que, segundo Vázquez, quere «poñer en relación a creatividade de disciplinas diferentes que hai en Ourense». A outra circunstancia que impulsa este proxecto é que, segundo o deseñador e editor, «postos a conmemorar unha data importante como o 50 aniversario da edición da novela de Blanco Amor é mellor facelo tentando achegar argumentos novos e non só facendo cerimonias».
A edición deste conxunto, financiada pola Concellería de Cultura que dirixe Isabel Pérez, forma parte dun amplo programa de actividades que se iniciou de maneira efectiva a pasada semana coa estrea da segunda versión teatral da novela de Blanco Amor por parte da compañía Sarabela.
Haberá máis e dende sectores diferentes porque, segundo Isabel Pérez, «trátase dun programa que recoñeza a importancia da novela, pero que ao tempo sirva de escaparate para moitas das formas culturais que se están desenvolvendo na cidade».
Deste xeito, ademais do xogo de rol, do disco con grupos ourensáns musicando letras do escritor, haberá un volume de banda deseñada que achega unha versión nova á historia de A Esmorga. Concertos, roteiros e outras actividades combinaranse coas cerimonias destinadas a lembrar ao escritor e a unha obra considerada capital para a literatura galega.