O sector do libro espera unha baixada da edición en galego

Ángel Varela

CULTURA

Os xéneros con menos lectores como a poesía ou o teatro serán os que máis sufrirán a caída de vendas

07 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O sector editorial galego espera un inverno difícil. A primeira impresión desta baixada extráese das previsións de novos títulos que teñen os encargados de vender libro en galego. Da conversa con varios editores derívase que, salvo algunha excepción, os duros tempos de crise económica non permiten excesivas alegrías literarias. Xéneros que tradicionalmente son minoritarios como a poesía, o teatro ou o ensaio serán os máis afectados. A isto hai que sumar a supresión durante este ano das axudas a tradución por parte da Xunta, o que tamén provocará que as editoriais, sobre todo algunhas que están especializadas no mundo de importar libros doutras linguas -un caso paradigmático é Rinoceronte-, rebaixen as súas apostas nese ámbito.

Outros temas que preocupan no ámbito editorial é a progresiva desaparición das pequenas librerías -fundamentais para un sector que non vive dos grandes best-sellers que promocionan as grandes áreas comerciais senón do lector máis informado- ou da tardanza que segundo algún dos editores consultados están tendo as bibliotecas públicas á hora de incorporar as novidades literarias. Neste aspecto, Miguel Anxo Fernán-Vello, escritor e máximo responsable de Espiral Maior, sinala que os títulos editados no segundo semestre do 2008 aínda non están nas bibliotecas galegas. O dito, o inverno pode ser longo para as editoriais.