«É unha película nunha prisión, pero non se sabe se os malos son os que están dentro ou os de fóra»
CULTURA
A cara de preso de longa duración de Luís Tosar pasea sobre a auga estanca de Venecia e baixo o calor abafante do Adriático norte. Tosar está presentando no festival Celda 211, unha película carceraria que, segundo o actor, «aproveita os rexistros do xénero das cadeas, pero vai moito máis alá».
-A película preséntase como un «thriller» intenso no que ninguén pode escapar.
-Si que o é, pero vai máis alá. En realidade, o xénero é un vehículo para contar outras cousas que se distancian algo do que o espectador pode entender por xénero carcerario. É unha película nunha prisión, pero non se sabe se os malos están dentro ou fóra, se hai tanta distancia entre uns e outros e algunhas cousas máis que o argumento da película contribúe a contar. O feito de que transcorra nun cárcere e que o seu protagonista sexa un funcionario que se ten que facer pasar por preso para sobrevivir a un motín xusto no seu primeiro día de traballo axuda a que sexa xénero, pero tamén a que a historia funcione mellor.
-¿Cal é o papel do seu personaxe na longametraxe?
-Interpreto a Malamadre, que é un preso veterano que manda no patio. É duro e desconfiado porque ten o seu poder establecido e ten medo de que o traizoen. A chegada do novo personaxe e a relación que se establece entre eles faille confiarse e pensar que quizais non todo sexa malo, pero as circunstancias do cárcere non axudan a que se confíe.
-Tócanlle moitos papeis de malo. ¿Ten medo a que o encadren?
-A verdade é que si que se repite un pouco o de facer de malo, porque mesmo cando fago de policía tócame o poli malo, o que non está do lado que ten que estar. Vou ter que recorrer á cirurxía estética a ver se cambio de rexistro. Neste caso tampouco é un malo malo. É un papel magnífico, un personaxe con moitas facetas e mesmo con sentido do humor, polo tanto, moi divertido de facer para un actor.
-¿Como está sendo a acollida no festival?
-Tanto no pase para a prensa como no primeiro pase para o público (realizado onte) as reaccións foron moi boas. As críticas foron moi boas ata agora e incluso se pode ver certo entusiasmo nos medios. No pase co público houbo un aplauso grande.
-¿Ábrese un camiño internacional para a película?
-A cita en Toronto da semana próxima será importante nese sentido. Se falamos de EE.?UU., o xénero pode tirar moito, aínda que quizais as segundas lecturas interesen menos, que poden ser máis interesantes para o espectador europeo. A película, neste sentido, combina ben as dúas cousas e pode funcionar.