Galicia ten rexistrados case 8.000 xacementos de carácter megalítico

Camilo Franco

CULTURA

A meirande parte deles, segundo Patrimonio, deberían estar protexidos polos plans urbanísticos locais

04 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

En Galicia cóntanse arredor de 8.000 xacementos de carácter megalítico segundo as cifras que manexa a Dirección Xeral de Patrimonio. O estado de conservación e valor deste xacementos son variables e só cinco deles teñen por agora a cualificación de ben de interese cultural. Segundo a consellería, estanse desenvolvendo traballos arqueolóxicos e de catalogación que levarán a outros trinta e seis xacementos a ser protexidos baixo a denominación de BIC.

Segundo eses mesmos datos unha boa parte dos case 8.000 xacementos son «túmulos sen cámara visible», e a protección destes restos correspóndese co inventariado local e coa súa «inclusión destes bens nos plans urbanísticos dos respectivos concellos». Para os máis salientables, Patrimonio está desenvolvendo un plan que na actualidade está en fase de investigación arqueolóxica para ampliar a protección dos xacementos máis importantes en toda a comunidade.

Na actualidade hai catro xacementos con declaración ben de interese cultural. O dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños, o de Axeitos en Ribeira, Cabaleiros en Tordoia e a necrópole de Santa Mariña repartida entre os concellos de O Incio e Sarria. No primeiro dos casos, Dombate, o dolmen ten un proxecto de conservación e exhibición particular no que ademais da Xunta participa a Deputación da Coruña. Ademais, este xacemento forma parte dun plan específico que está desenvolvendo Cultura con xacementos do entorno de Dombate para a creación do Parque do Megalitismo que, segundo Patrimonio, terá un tratamento especial, incluíndo quince xacementos dos situados na Costa da Morte.

Para o resto dos xacementos megalíticos galegos, Cultura prepara a declaración de 36 xacementos máis como BIC, escollendo os máis importantes ou aqueles que precisan de protección máis urxentes. Entre este grupo, catro a salientar: na provincia coruñesa a necrópole da serra do Barbanza, no Concello de Boiro. En Lugo será un dos xacementos a protexer a Roza das Modias, no Concello de Vilalba. No caso ourensán Patrimonio salientou a Mota Grande, en Verea; e no caso de Pontevedra a necrópole do Chan da Castiñeira, en Marín.

A consellería tamén anunciou que se declararía BIC a xacementos como Corveira o Mina da Parxubeira, situados no Concello de Mazaricos ou o dolmen da Cova da Moura ou Argalo, en Noia. No mesmo sentido tamén gozarán no futuro desta protección xacementos como o recentemente cuberto de Forno dos Mouros, en Toques.