O artista, que vén de recuperarse dun infarto, afirma que vai seguir traballando, pero «sen facer grandes esforzos». Di que cando empezou quería ser escultor ou toureiro
24 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Manuel Paz (Cambados 1957) é un dos artistas máis persoais da escultura galega. Aínda que as súas exposicións individuais son moi escasas, a súa obra está presente en museos de todo o mundo. Agora traballa nun importante proxecto que estará rematado na Coruña dentro duns meses. Faino construíndo as súas esculturas en distintos materiais, buscando a boa sintonía entre os volumes e a convivencia co entorno, un contorno fermoso arroupado polo verde da natureza e a imaxe, case pictórica, do esteiro do Umia.
-Non é de estrañar que con esta paisaxe a natureza sexa tan importante na súa obra.
-A natureza é volume. O artista o que fai e darlle traza na pedra. Agora estou traballando nunha escultura con formas suaves, inspirada non monte da Curota, e cando concibín as obras dos menhires, en realidade eran perfís que estaban aí, no monte, eu o que fixen foi moldealos. Ás veces, a casualidade fai posible o encontro. O caso é que, con pouco, a obra diga moito.
-Formalmente, manexa o mesmo tempo distintos rexistros, tanto materiais como estéticos.
-Traballo con diferentes materiais porque son producións distintas. Gústame a solidez das pedras, o poder do bloque, e á vez gústame a limpeza do ferro, que deixa pasar a natureza, contemplar a paisaxe a través del, porque a natureza é unha arte viva e o único que podes facer as veces é enmarcala.
-¿O lugar no que se enfronta á creación, condiciónalle?
-Iso sempre. No meu taller utilizo materiais próximos, inda que non me pecho a outros que veñan de fora. De feito, agora estou facendo unhas pezas con pedra azul que me traen do Brasil. De todos os xeitos, claro que che condiciona. Cando estiven en Nova York, o primeiro taller tíñao en Brooklyn e, mira por onde, alí atopei pedra, e fixen obras de gran formato. As maquetas, como a da peza Bolboreta , en cambio, estaban modeladas con patacas, con anacos de patacas, que era o que tiña a man. Cando cambiei para un estudo en Manhattan, ao lado dos xulgados da cidade, o material era o ferro co que facía pequenos proxectos, que despois, a volta, convertéronse en obras grandes.
-Tamén é importante o espazo expositivo...
-É fundamental a boa intervención na contorna. Cando fas unha escultura e a colocas nun espazo, a xente, o espectador, ás veces non sabe canto valeu, nin sequera quen a fixo. Pero ao pasar por diante, a obra tenlle que dar boas vibracións. Por iso é tan importante o sitio onde vai colocada, sexa un museo, un piso, ao aire libre? As obras adáptanse o espazo, pero, iso si, o espazo non che pode poder, tes que poderlle ti a el.
-Sae de Cambados nos anos oitenta para irse a Santiago, ¿na procura de novos camiños?
-Eu cando empecei quería ser toureiro ou escultor.
-¿Que me di?
-Si, si, toureiro ou escultor. E fun escultor. No ámbito no que me movía o único que había era a escultura dos cruceiros e sentinme incomunicado. Ao chegar a Santiago, para estudar na Escola Mestre Mateo, atopei outro mundo. Empecei facendo escultura figurativa, modelos clásicos, retratos que buscaban o mimetismo. Pero pronto comprendín que a arte tiña outras frontes. Coincidín con Antón Castro, e foi todo moi rápido, participei nas exposicións de Xelmírez e de Bonaval, logo viñeron as bienais de Pontevedra, Arco? Eran anos moi inquedos.
-Cando non lle chegou Santiago, foise a Nova York.
-A primeira viaxe fíxena nos oitenta, e a segunda, cunha estancia máis longa, nos noventa. Por alí andaban tamén Paco Leiro e Antón Lamazares. Desde aquí mitifícase a imaxe de Nova York. Hai que ir alá pensando en aproveitar a oferta cultural, que che enriquece, pero sabendo que non podes perder a túa identidade. É unha cidade que, se a deixas, absórbete, porque estache dando imaxes continuamente e non dá tempo a dixerilas. Cando cheguei, Basquiat e Keith Haring aínda estaban a facer graffitis e Warhol?xa ía en taxi.
-¿Como ve a figura de Warhol?
-Todos nacemos nunha contorna e as raíces non nos abandonan, son as que nos identifican. Para Warhol a súa fauna era a urbe, e soubo trasladar á súa obra o sentir dá cidade, por iso a súa figura paréceme respectable.
-Vostede viviu un momento, refírome á década dos oitenta, moi frutífero. Estivo en Nova York, andou por Xapón, fixo exposicións cos grandes da arte...
-Aqueles eran tempos decisivos. Á miña xeración tocoulle vivir o cambio. Eu, en Galicia, agora vexo todo moi parado. Antes non había museos nin facultade de belas artes e, en cambio, facíase máis ruído. Ou iso é o que a min me parece, porque a verdade é que eu paso moito tempo no taller, estou metido de cheo no meu traballo. Aínda así a impresión é que antes había máis movemento, facíanse máis cousas.
-Estase vostede recuperando dun infarto. ¿Cambian as cousas cando a vida che dá outra oportunidade?
-Desde logo. O problema este limítache, pero non che cambia. Vou seguir traballando, pero sen facer grandes esforzos. Hai que axudarse das máquinas, que para iso están. Esta volta ao que me axudou foi a reflexionar, a pensar que isto non dura sempre, que hai que aproveitar o tempo que estás de balde e tamén para deixar a nosa pegada cara o futuro.
-Creo que tamén lle serviu para deixar de fumar, ¿non?
-Iso, polo de pronto, estouno cumprindo.