«Estamos estudando facer unha versión do Viñetas para o inverno, na que participen os institutos»
CULTURA
Leva doce anos, desde a súa creación, á fronte de Viñetas desde o Atlántico, aínda que o seu currículo como autor sitúao entre as grandes referencias do cómic galego e español. Miguelanxo Prado volveu comandar, outro ano máis, a nave do salón coruñés, un encontro cunha razón de ser que o diferencia de outros eventos semellantes: «Os autores e as súas obras».
-Móstrase satisfeito do cartel de este ano.
-É un cartel completo e que ben expón o espírito de Viñetas, de atender aos autores máis alá da promoción das súas obras.
-En todos estes anos, ¿ten seguido o salón unha evolución a máis?
-Non creo que determinadas cousas teñan a necesidade de evolucionar no sentido de sufrir un cambio. Como a quenlla, que segue igual dende o cuaternario. Trátase de variar as cousas que resultan falladas, e deixar o que funciona ben.
-E nese sentido, ¿Viñetas funciona ben?
-Hai que recoñecer que no tocante ao número de visitantes e a nosa ambición expositiva temos chegado a certo límite, dadas as características do salón e da cidade na que nos atopamos. Así e todo, este ano incorporamos a Fundación Luís Seoane no circuíto de exposicións, e benvida sexa.
-¿Que hai do proxecto dun museo do cómic para a cidade da Coruña?
-Polo que a min respecta, está totalmente aparcado. Eu, enriba da mesa, dende logo, non o teño. É algo que ten que contar cunha resposta colectiva por parte das institucións, e a día de hoxe parece que ten máis problemas que vantaxes. Eu non podo asumilo como proxecto persoal, non son un xestor cultural. Pero se volve a andar, estarei encantado de colaborar no que sexa necesario, porque A Coruña é a sede óptima para un museo así.
-E din que se está a preparar un Viñetas para o inverno...
-Iso é algo que aínda está en estudo. Dende a primeira edición tivemos claro que hai un sector que non pode aproveitar estes días: os docentes, os institutos. Por iso queríamos programar unha versión diferente do Viñetas no inverno, no curso escolar, na que poida participar este público. Sería algo complementario, como unha gran exposición e unha serie de conferencias.