«Describo o mundo irreal de Antioquía e o real da Limia»

SANDIÁS

O limiao Rafael Laso baseouse nas lendas sobre a cidade asolagada de Antioquía -que segundo conta a tradición está baixo a lagoa de Antela- e que dende pequeno lle contaron os avós que vivían no seu Xinzo natal.

19 jun 2009 . Actualizado a las 11:00 h.

Historia e ficción mesturadas en mais de 200 páxinas. O limiao Rafael Laso baseouse nas lendas sobre a cidade asolagada de Antioquía -que segundo conta a tradición está baixo a lagoa de Antela- e que dende pequeno lle contaron os avós que vivían no seu Xinzo natal. Recordos que el documentou minuciosamente e contrastou ata onde a historia sabe e está escrita, deixando o resto da paxinación á súa imaxinación ata completar O trasmundo de Antioquía.

-¿Como define a súa última obra?

-É unha mestura de novela histórica con novela fantástica construída a través de personaxes ficticios que viviron no seu momento. Este mundo fantástico resulta ser Antioquía, que está mergullada baixo as augas da lagoa de Antela.

-¿Onde nace o seu coñecemento da lenda de Antioquía?

-Esa lenda escoiteina de boca dos meus avós, tíos, pais e o resto da miña familia por primeira vez, xa que aos que somos de Xinzo o primeiro conto que nos contan é ese.

-¿Cal é a trama desta novela, «O trasmundo de Antioquía»?

-Parte da idea dunha carta que un avó deixa en herdanza ao seu neto, que é escritor, pero que este non abre ata alcanzar a maioría de idade, momento no que empeza a investigar para saber saber máis sobre a historia que se conta en dita carta e descubrir realmente se é verdade ou é mentira. A carta describe ademais esa cidade asolagada, Antioquía, e aos seus personaxes, ademais dos feitos que suceden nese trasmundo que dá título a novela, dando orixe ás aventuras no momento en que se atopa a porta de entrada a ese mundo.

-¿Cales dos espazos que incorpora ao argumento deste libro se poden visitar fisicamente a día de hoxe?

-Describo un espazo básico do que no seu día foi a lagoa de Antela e ao que incorporo o concepto de trapecio máxico de Antioquía, que se forma nos seus vértices polas torres de Pena, Sandiás, A Forxa e a torre derrubada que, se as miñas informacións non fallan, debían caer por onde se celebra hoxe a romaría da Sainza, ademais de outros sitios como a igrexa de Santa Marina, a praza Maior de Xinzo ou o mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, todos eles representativos da comarca da Limia e a súa chaira.

-Do tempo total que empregou en escribir «O trasmundo de Antioquía», ¿que parte investiu en documentarse e que porcentaxe é de creatividade?

-A documentación é básica e consistiu na consulta de fontes de diferentes orixes, tanto históricas como artísticas, coas que matizar as construcións que se reproducen na novela, algo que, que ao mesturar todo, supón un exercicio de imaxinación construtiva.

-¿Queda algunha novela que contar da comarca da Limia nos seus libros?

-Son moitas as lendas que me contaban os meus avós, polo que sempre quedan cousas no fondo das que remexer, aínda que teñen que xurdir no momento apropiado de creación.