Pérez Porto mantén vivo o legado do seu pai, Parallé, para quen Fene pide o recoñecemento da Academia

R.?L.

FERROL CIUDAD

Xosé María Pérez Parallé (Canido, Ferrol, 1909-Barallobre, Fene, 1987), foi, como non deixa de lembrar un dos grandes valedores do seu legado, Antonio García Riero, «o poeta popular por excelencia». Riero, amigo persoal do escritor coñecido como o Segrel do Penedo , foi quen iniciou hai agora exactamente dez anos, cando presidía o Círculo de Fene, a reivindicación de que lle conceda a Parallé un Día das Letras. Unha petición que despois de ter xurdido en Fene, tamén encontrou enseguida o eco de asociacións culturais de toda Galicia. «O compromiso de García Riero coa memoria de meu pai, a súa xenerosidade, non se pode pagar con nada», di o ceramista Francisco Pérez Porto, fillo do escritor, lembrando como Antonio «ademais de amigo, foi ás veces tamén o seu editor, quen fixo posible que boa parte da súa obra chegase ao papel». «Máis alá dos versos de meu pai, da importancia que poida ter como obra de carácter netamente popular e por tanto feita por e para o pobo -di tamén Pérez Porto-, eu penso que o que habería que valorar de Parallé é o seu compromiso con Galicia. El vivía por e para Galicia. Sen agardar nada a cambio. E a miúdo pasándoo moi mal, terriblemente mal». En palabras de Francisco Pérez Porto, «dedicarlle un Día das Letras Galegas a Parallé sería dedicarllo a quen quixo vivir cantándolle a Galicia sempre».