Oito novas empresas asinarán o vindeiro día 24 o convenio para iniciaren un proceso de galeguización das súas actividades: negociación colectiva, nóminas e contratos, rotulación, publicidade, páxina web, etcétera. O acto celebrarase no pazo de A Toxeiriña, en Moraña, coa presenza do titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, despois do acordo ao que chegaron nunha xuntanza do Foro Enrique Peinador con representantes de Factorías Vulcano, Celtic Estores, Progando, Grupo Academia Postal, Travibus, Tuconsa, Egatel e Itelsis.
Tamén acudiu ao encontro de Lestrove a presidenta da Fegatur (Federación Galega de Turismo rural), Marisol López Álvarez, coa que o Foro Enrique Peinador está a traballar no deseño dun proxecto para a galeguización destes establecementos de turismo rural.
Ademais dos directivos e empresarios representantes das empresas sinalados e doutras que xa están integradas no convenio, estiveron presentes Cristina González Rubal, subdirectora xeral de Política Lingüística; Carlos Varela García, fiscal Superior de Galicia, e Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador, entre outras personalidades.