O cangués Héitor Mera lerá a primeira tese en galego na historia da UNED

J. Santos

CULTURA

O filólogo, que investigou a vida e obra de Bernardino Graña, negouse a presentar o traballo en castelán

10 jun 2009 . Actualizado a las 02:25 h.

O filólogo cangués Héitor Mera Herbello será a primeira persoa que presente e defenda nunha lingua cooficial a súa tese de doutoramento na historia da Universidad de Educación a Distancia (UNED). Para iso, tivo que rebelarse contra a negativa da dirección desta universidade a admitir o traballo en lingua galega.

Xa o tivera que facer cando presentou a tesiña (o DEA, diploma de estudos avanzados), no ano 2003. Finalmente, despois dunha protesta dos deputados do BNG no Congreso, foi aceptada. Mera entregou a súa tesiña e, ao día seguinte, outra doutorando, María Ogando, defendeu a súa tese en galego, aínda que estaba escrita en castelán.

O problema volveu presentarse coa tese. A UNED acudiu a unha norma aprobada o 28 de marzo do 2008 pola Comisión de Investigación y Doctorado que permitía presentar e defender una tese de doutoramento en castelán e calquera lingua oficial estranxeira. Non recollía a posibilidade de facelo nas linguas cooficiais de España.

O texto da norma en cuestión dicía así: «Los doctorandos pueden redactar, y presentar, la tesis doctoral en castellano o en cualquier otra lengua, oficial, extranjera, siempre que así lo autorice la comisión de doctorado del departamento». A Universidade a Distancia aceptou inicialmente a tese de Héitor Mera en galego, se ben o filólogo cangués tivera que presentar unha tradución ao castelán para que lle permitise defendela. Pero no mes de xuño do ano pasado comunicáronlle que non, que tampouco se lle aceptaba aínda que fose acompañada da tradución ao castelán. Finalmente, despois de volver a tratarse o problema no Congreso e máis no Parlamento galego, a UNED aceptou a presentación das teses nas linguas cooficiais.

«Vinte mil pesos crime»

A tesiña consistiu nunha análise crítica da obra teatral de Bernardino Graña Vinte mil pesos crime . Despois sumiuse na obra completa do escritor cangués. O director da súa tese é Manuel Rodríguez Alonso (sobriño de Alonso Montero), catedrático de Filoloxía nun instituto madrileño e profesor da UNED.

O tribunal académico estará formado polos profesores Francisco Fernández Rei (presidente), Camilo Valdehorras (secretario), e, como vocais, Xosé Fernández Salgado, Xosé Henrique Costas González e Anxo Angueira Viturro.

Héitor Mera defenderá a súa tese de doutoramento, un estudo que consta dun total de 700 páxinas en A3, ás 12.00 horas do próximo venres.

Cando Bernardino Graña cumpriu 75 anos, no 2007, a editorial Xerais editou un libro homenaxe coordinado por Mera que contou coa colaboración do Concello de Cangas. Nel, varios escritores analizan a obra do poeta cangués. O propio Héitor Mera e o tamén estudoso da literatura galega Anxo Angueira fan unha semblanza do homenaxeado que leva por título Bernardino Graña Villar, profeta do mar, profeta na súa terra .

Xosé María Álvarez Cáccamo analiza os rexistros políticos na poesía de Graña. Xosé Manuel Millán, poeta, ademais de alcalde de Moaña, dedícalle o capítulo «Bernardino Graña, poeta do mar». Colaboran tamén Daniel González, María Navarro, Rosendo Díaz Peterson, Alfonso Becerra de Becerreá, Carlos Solla, Elvira Riveiro, Lucía Novás e Xoán Xosé Abella.

O filólogo Héitor Mera combina o seu traballo de profesor de Galego co de crítico literario en varios xornais, ademais de colaborar na confección de libros de texto da editorial SM.