Algunhas variacións e mudanzas no uso do galego estudadas desde a sintaxe, ou casos concretos como o complemento directo dos verbos oír e escoitar ou a evolución dos nomes Anxela/Anxelo desde o século XVII, son algúns dos traballos do primeiro número de Estudos de Lingüística Galega , editada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC.
O volume foi presentado nun acto que presidiu o reitor de Compostela, Senén Barro, coa presenza da directora da publicación, a profesora Rosario Álvarez; e o director académico do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Antonio Azaustre. A revista terá periodicidade anual, e haberá un pequeno número de exemplares en papel, segundo se indicou.
Este primeiro tomo consta de 300 páxinas. Xa se pode consultar, de graza, en Internet, no enderezo http://ilg.usc.es/elg/, e os traballos están en galego, portugués e inglés. Colaboran autores de centros académicos e de investigación galegos, e de Portugal, Inglaterra e Alemaña. A maior achega é de investigadores do propio ILG; e por parte galega hai tamén especialistas das universidades de Santiago e Vigo e da Real Academia Galega. O traballo que abre a revista é de Ernestina Carrilho, da Universidade de Lisboa: estuda o expletivo ele en portugués europeo, e está en portugués.