O sector artístico cre que a arte conceptual se afastou dos públicos

Camilo Franco

CULTURA

Apunta que deben ser os centros os que se ocupen de contextualizar as exposicións

25 may 2009 . Actualizado a las 13:37 h.

Nunha película famosa, un personaxe que se fixo moi popular repetía que o importante é o «concepto». A arte contemporánea ten utilizado esa mesma expresión sen asomo de parodia, provocando unha serie de reaccións que se van graduando entre a polémica e o rexeitamento.

Salas baleiras, enlatado de detritos variados, animais mortos ou armas decomisadas poden ser a parte obxectual dun catálogo amplísimo que, segundo rezan as intencións, quere provocar unha reacción reflexiva no espectador, aínda que en gran parte dos casos non o consiga. Para os directamente implicados no sector artístico está claro que hai un problema. Pero a súa natureza queda atribuída a causas diferentes. Para dous artistas que traballan coa pintura hai un problema de partida. Antón Patiño entende que «non é posible a arte sen concepto» e explica que é mentira que «haxa un tipo de arte que se ocupa só do concepto». Para Patiño, é obvio que «hai unha estratexia nesa utilización» e que ten que ver «máis coa comunicación que coa arte». Para o artista, «a solución seguramente está na pintura».

Manuel Quintana Martelo acepta o conceptualismo como xénero, pero considera que hai unha pésima maneira de seleccionalo. O artista entende que hai un uso demasiado alegre «da acepción e das súas posibilidades» e que con tal actitude o que se consegue «é a desorientación dos espectadores e rexeitamento, de maneira que cando hai propostas boas tampouco son atendidas».

Os dous artistas e mais algúns dos axentes de mediación, como críticos de arte ou comisarios, coinciden nun segundo problema: faltan explicacións. Traballar no concepto require, segundo a profesora Marisa Sobrino, «ter en conta aos espectadores e polo tanto tamén as necesidades que poidan ter para entender aquilo que se exhibe». No mesmo sentido cren que ese traballo didáctico debería ser exercido polos centros de arte en dous sentidos, unha mellor selección das obras e un labor pedagóxico.