Galicia honra a Ramón Piñeiro en Láncara no Día das Letras Galegas

X.?R. Penoucos

CULTURA

Núñez Feijoo e a presidenta do Parlamento confirmaron a súa asistencia

18 may 2009 . Actualizado a las 10:13 h.

A localidade lucense de Láncara acollerá esta xornada os actos centrais do Día das Letras Galegas, que nesta edición está dedicado o intelectual e galeguista desta poboación Ramón Piñeiro.

Os actos institucionais darán comezo a partires das 11.30 horas cunha recepción no consistorio de Láncara ás distintas autoridades e personalidades que estarán presentes nos actos. A organización confirmou a presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, así como de varios senadores e representantes da Deputación Provincial de Lugo, entre eles o vicepresidente, Antón Bao.

Ás 12 horas celebrarase no pavillón polifuncional de Láncara unha sesión extraordinaria e pública da Real Academia Galega na que intervirán os académicos Ramón Villares Paz, Víctor Fernández Freixanes e Andrés Torres Queiruga. Ao remate deste acto terá lugar un xantar de confraternidade nunha carpa en Carracedo.

A celebración pecharase cunha ofrenda floral que terá lugar diante do busto do intelectual lancarés en Carracedo, onde todos os anos se celebra a entrega do premio literario que leva o nome do intelectual homenaxeado.

A provincia de Lugo vivirá esta xornada dunha maneira especial. Na capital, os catro museos da Deputación (Provincial, San Paio de Narla, Tor e Museo do Mar) conmemorarán o Día das Letras Galegas co agasallo dun libro en galego a todos os visitantes. E hoxe abrirán pola tarde. En Monterroso, ademais de recordar un ano máis a Lourenzo Varela, inaugurarán unha rúa que estará dedicada a Ramón Piñeiro.

Nos últimos días xa se celebraron distintos actos para lembrar a figura do lancarés. O primeiro foi a presentación do libro Ramón Piñeiro. Do Val de Láncara a Compostela , da editorial Ta-Ta-Ta e que foi escrito pola lucense Mercedes Vázquez. O exemplar é un repaso da vida de Piñeiro dende a súa nenez coa súa familia na parroquia de Armeá de Abaixo ata o seu paso por Sarria, Lugo e Compostela. O fío condutor do relato son comentarios dos propios familiares fundamentalmente a súa irmá Consuelo e o seu irmán Aníbal e veciños achegados que tamén aportaron o seu testemuño.

Outro acto foi a apertura dunha exposición en Lugo organizada pola Editorial Galaxia que se atopa no centro social Uxío Novoneyra.