O CGAC leva as pezas á rúa para provocar o debate sobre os xéneros

Camilo Franco

CULTURA

Con 50 artistas, esta é unha das producións de maior tamaño das realizadas pola institución.

11 may 2009 . Actualizado a las 18:22 h.

Hai máis vida e máis debate fóra dos museos. E tamén hai máis xente. O Centro Galego de Arte Contemporánea inaugurará o vindeiro xoves unha mostra para alimentar debates que, por tamaño e vocación, excederá os espazos interiores do edificio. En todas partes é o título desta mostra, comisariada por Juan Vicente Aliaga, que ten como subtítulo Políticas da diversidade sexual na arte.

As liñas de debate que proporá esta exposición do CGAC toman como punto de partida a visibilización na sociedade das realidades LGBTQ, isto é, da realidades lesbiana, gay, bisexual, transexual e queer. Argumentos de partida que inclúen na extensión da mostra unha análise da maneira en que a sociedade contemporánea trata estas realidades, ao igual que aquelas derivadas do sida. Desde este punto de partida, a proposta expositiva, unha das máis grandes realizadas polo centro nos últimos anos, pretende tamén provocar debates nos espectadores sobre a cultura de masas ou a maneira en que a sociedade recolle e transmite determinadas mensaxes. Unha análise desas maneiras que, segundo a proposta, tamén valen para analizar a sociedade.

Juan Vicente Aliaga, o comisario da exposición, é profesor de Belas Artes en Valencia e un dos especialistas peninsulares en cuestións de xénero e da maneira en que as artes reflicten as cuestións de sexualidade ao longo dos tempos e como as diferenzas entre unhas épocas e outras marcan a maneira en que son recibidas as realidades dos xéneros. A obra de Aliaga estuda o tratamento que a arte dá aos asuntos da sexualidade e dos xéneros, pero tamén como a cultura aborda estas realidades.

A exposición ofrecerá dende o xoves 150 pezas de máis de 70 artistas, unha demostración, segundo os organizadores, da importancia destas realidades e dos seus argumentos na creación artística contemporánea e, por extensión, na sociedade.