Tempos e necesidades

Xosé Ramón Castro
Xosé Ramón Castro FONDO NORTE

VIGO

06 ago 2015 . Actualizado a las 13:39 h.

A bancada de Preferencia non abrirá as súas portas cando o fútbol volva a Balaídos antes de que agosto se despida. É o que ten facer unha reforma a anacos, co aval dos políticos de por medio e coas eleccións municipais como escenario.

A casa do Celta non só quedou vella, senón que cae literalmente, especialmente na parte de Río onde o desprendemento de cascallos xa deu máis dun susto, e coa seguridade non debería xogar ninguén. Tampouco parece moi habitual que, na mesma bancada sexa necesario incluir o paraugas no kit do afeccionado, porque cando chove (cada vez menos, para desgraza dos labregos), molla.

Porque Balaídos o que necesita é unha reforma integral, non un adecentamento en compartimentos estancos. De pouco vale que se adecente Preferencia, se logo non se pode unir a Tribuna e polo tanto non se pode utilizar. O mellor sería como aconteceu en San Mamés. Unha piqueta e todo novo a carón do vello estadio.

Pero tan certo como que Balaídos necesita un campo novo de verdade é que a situación económica non invita a un desembolsar unha millonada de eros nun campo de fútbol. Non sería de recibo nun escenario de semellante crise. Porque a día de hoxe moitos vigueses e celtistas teñen prioridades bastante máis importantes que estar fachendosos do seu novo estadio de fútbol. Malia a que os da macroeconomía se empeñen en dicir que todo vai ben e a crise xa pasou, para o resto dos mortais a situación segue a ser cando menos complicada.

E no medio de todo, como solución de tránsito, e non definitiva, quedan eses 30 millóns que en teoría xa estaban consignados para a reforma do estadio e que non acaban de aparecer na realidade. Basta ollar a presión sobre Zona Franca continua por parte do Concello, novo episodio dunha saga que comezou con Louzán. E Balaídos sen varrer.

xoseramon.castro@lavoz.es