María Mera: «"Matalobos" tivo éxito porque é unha serie moi arriscada»

Ivannia Salazar REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

A intérprete destaca a evolución do seu personaxe tras cinco temporadas

07 ene 2013 . Actualizado a las 11:14 h.

A serie de Voz Audiovisual Matalobos leva cinco temporadas en TVG como favorita dos galegos e María Mera é unha das actrices que ten evolucionado de forma paralela ao seu personaxe, Vanesa Viaño.

-Hai tres anos moitos referíanse a María Mera como a gran promesa do audiovisual galego. ¿Imaxinaba que chegaría onde está agora?

-A verdade é que cando empecei non me imaxinaba poder vivir disto. Agora miro para atrás e vexo que Matalobos foi para min unha gran escola, hai unha evolución moi evidente tanto en min como no personaxe. Cando vexo a primeira temporada non me recoñezo, aprendín cousas novas en cada unha das etapas.

-O seu personaxe (Vanesa Viaño) é probablemente o que máis evolucionou ao longo das cinco temporadas de «Matalobos». ¿Cómo describe esa evolución?

-En primeiro lugar, Vanesa tivo un cambio de idade. Ao principio era unha adolescente rebelde que cae na droga, está nunha idade e nun momento complicados da súa vida. Pero logo ten un cambio radical e vólvese, digamos, máis boa. Pero segue querendo o diñeiro fácil. Despois xa aparece como unha muller casada, cunha forma de ser distinta. O cambio nótase ata na súa aparencia persoal: ao principio vai con vaqueiros e coleta, mentres que agora vístese de punta en branco.

-A serie fixo de trampolín na súa carreira, pero ademais segue aí tras cinco temporadas.

-Desde a primeira temporada pensamos que sería tamén a última, pero á xente gustoulle e repetimos. O difícil é volver empezar unha historia despois de que mataron a tanta xente [risos]. Pero oxalá que este tampouco sexa o fin, persoalmente gustaríame que continuase.

-¿Cal cre que é o gancho da serie? ¿Por qué tivo tanto éxito?

-Creo que tivo éxito porque é unha serie moi arriscada para o público galego. Había dúas opcións: ou era rotundamente aceptado, ou non. E foi o primeiro. A temática é moi distinta ao que se viu antes, e ademais nun só capítulo pasan moitas cousas, ten un ritmo trepidante e moita intriga e iso gustou ao público. E ademais o equipo da serie está moi compenetrado e iso nótase no resultado final.

-Naceu como actriz na serie. ¿Que quere para o futuro?

-Entrar en Matalobos foi un agasallo para min, porque antes fixen moitos castings nos que a resposta foi non. Abriume moitas portas para outras cousas e deume a coñecer. A partir de aí saíronme outros programa. Para o futuro querería seguir vivindo disto, aínda que non será fácil porque na conxuntura actual a industria está un pouco parada.