TVG estrea o documental sobre Celso Emilio Ferreiro

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

TELEVISIÓN

Luís Tosar interpreta ao poeta nesta longametraxe dirixida por Aser Álvarez e que conta con corenta colaboracións

11 dic 2012 . Actualizado a las 13:29 h.

Pouco antes da medianoite de mañá, 12 do 12 do 12, un amplo retrato de Celso Emilio Ferreiro asomará ás pantallas da Televisión de Galicia. É o documental de Aser Álvarez 100% CEF, unha longametraxe que cun amplísimo reparto de colaboradores pretende explicar a vida de Celso Emilio Ferreiro pola parte seria e «facer del un pandeiro» pola lúdica.

Neste documental é Luís Tosar quen interpreta a Celso Emilio nas súas paisaxes e tecleando na vella máquina de escribir. Pero ademais desa figura reinterpretada, a longametraxe conta coa opinión de corenta persoeiros que van completando un retrato biográfico e literario para apreixar a complexidade e a amplitude da figura do escritor de Celanova.

O director do documental asume unhas palabras do poeta Joaquín Marta Sosa, «Celso Emilio non cabe en ningún documental», e explica que a súa intención foi facer unha película como «aproximación contemporánea, non académica e fresca» sobre unha figura «controvertida e polémica».

O documental conta, por unha parte, coas opinións de familiares do escritor e especialistas na súa obra, como os seus biógrafos Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás. Méndez Ferrín, Neira Vilas, pola parte literaria, son voces que se suman á de músicos como Luis Emilio Batallán, Mini e Mero ou Labregos do Tempo dos Sputniks.

Á parte literaria e musical súmase unha artística na que se conta coas colaboracións de Baldo Ramos, Francisco Leiro, Manolo Paz ou Baldomero Moreiras, para completar o retrato dun autor que está «radicalmente vixente» segundo o director do documental.