A nova Biblioteca Virtual Galega, «unha resposta ó aviso da Unesco»

REDACCIÓN A CORUÑA

TELEVISIÓN

22 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Fronte á ameaza de desaparición do galego como lingua, anunciada no informe da Unesco, a Biblioteca Virtual Galega cólgase na Rede como un novo centro dinamizador da cultura e literatura galegas. O portal (http://bvg.udc.es) foi presentado onte na Universidade da Coruña, promotora da iniciativa, nun acto presidido polo rector, José Luis Meilán Gil, e ó que asistiron moitos dos grandes nomes das letras en Galicia. Cento cincuenta escritores, entre vivos e clásicos, teñen xa o seu espacio na nova Biblioteca Virtual e os organizadores queren contar, no futuro, coa presencia de tódolos autores galegos. «É unha iniciativa revolucionaria que significa a apertura da literatura ó mundo dun xeito ata agora descoñecido e, tamén unha reacción ó dramático aviso da Unesco», sinalou o escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello Nova canle de publicacións A Biblioteca Virtual Galega, que comezou a xestarse no xullo pasado, ten como obxectivos difundir a literatura escrita en galego, contribuír á normalización da lingua, ofrecer unha nova canle de publicación ós escritores, así como servir de plataforma ós novos talentos e posibilitar a comunicación entre autor e lector. «É unha contribución ó noso patrimonio común, non só para a xente de hoxe, senón para as vindeiras xeracións», asegurou o rector coruñés. O portal literario, que usa a estructura tradicional de organización dunha biblioteca, conta con cerca de 1.800 obras catalogadas de 150 autores. Entre os fondos tamén hai 270 obras de lectura, trinta libros dixitalizados e outros tantos en soporte sonoro con textos leídos polos propios escritores, ademais de quince obras en vídeo e unha ducia de diccionarios e gramáticas. A Biblioteca dispón dunha guía virtual que permite viaxar pola xeografía galega e dispor de información básica sobre museos, monumentos, casas rurais ou praias.