Teatro, baile, música e obradoiros quentan motores para o festexo

BARBANZA

<span lang= gl >Luís Prego achegará o galego aos nenos carnotáns.</span>
Luís Prego achegará o galego aos nenos carnotáns. cedida< / span>

Os máis pequenos da casa serán durante esta semana uns dos grandes protagonistas da programación previa ao 17 de maio

10 may 2016 . Actualizado a las 22:00 h.

Queda unha semana para festexar o Día das Letras Galegas e, nestes días, os máis pequenos da casa serán uns dos grandes protagonistas dunha programación artellada para crear -e afianzar- canteira a base de teatro, baile, música e obradoiros con selo propio, o do galego.

Carnota

Contos, funcións e arte

Dentro do programa Apego, pensado para fomentar a transmisión da lingua dende os primeiros anos, chega o xoves ao salón de actos municipal, ás 17.30 horas, A casa encantada de Alí. Trátase dun obradoiro con prazas limitadas para contar, cantar e xogar en galego da man do músico Luís Prego e Fabaloba, para nenos de 0 a 6 años. Ao día seguinte, a Escola de teatro estreará, sobre mesmo escenario ás 17.00, a peza O futuro xa está aquí, protagonizada polas alumnas máis novas do grupo.

Ademais, o artista local Nando Lestón contará coa colaboración dos centros educativos carnotáns para crear ao longo deste mes na área recreativa de Lombáns un mural para reivindicar a lingua que conxugará imaxe e palabra.

Porto do son

Astronomía e charla

Tamén o venres dará comezo coas primeiras dúas propostas o cartel de actividades de O Son para celebrar as Letras. A primeira é unha conferencia da escritora Concha Blanco sobre o autor homenaxeado este ano. Manuel María, profesional da palabra, pero sen soldada é como se titula o relatorio que se poderá escoitar ás 9.20 horas na biblioteca municipal. E, da man do Observatorio Astronómico da USC, haberá un obradoiro para ollar os segredos do firmamento, Todocosmos, con dúas sesión pola mañá (10.45 e 11.30 horas) e outra pola noite (22.15 horas, na Casa da Cultura).

Por ende, na véspera do Día das Letras, inaugurarase a exposición de ilustración Do bosquexo ao arte final, de Rodrigo Chao, ás 12.00 horas na Casa da Cultura. A mostra poderá verse ata o día 31 (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 e de 19.00 a 20.00 horas; e na fin de semana de 19.00 a 20.00 horas).

rianxo

Baile tradicional e estrelas

Na piscina municipal as chancletas serán desbancadas polos zocos nun obradoiro de baile galego que organiza o Concello o sábado en colaboración coa asociación Fogo Fatuo. Haberá unha sesión previa, ás 18.00 horas, para os nenos de 5 a 12 anos, e outra para os maiores unha hora máis tarde (ambas con límite de prazas). E, para acabar o día, no paseo da Ribeira, xunto ao busto de Castelao, grandes e maiores poderán participar da observación nocturna das estrelas con Todocosmos a partir das 22.00 horas.